Patrocinado por Patrocinadopor

«Envorca doado»: o invento co que Calvo revoluciona as latas de atún

x. ameixeiras / e. abuín REDACCIÓN / LA VOZ

SOMOS MAR

O desenvolvemento do novo envase ha requirido 4 anos e 30 millóns de investimento

23 ene 2021 . Actualizado ás 10:31 h.

Volveuno a facer e saca peito por iso. Grupo Calvo, a compaña conserveira con sede en Carballo, pretende ser outra vez un revulsivo para o sector ao revolucionar o mercado das latas de atún, como xa fixo cando cambiou a xeometría ovalada tradicional do envase e inventou a redonda, ou cando decidiu vendelas de tres en tres nun único pack.

 Agora sorprende co seu «envorca doado». Como o seu nome indica, trátase dun envase do que o produto sae só ao darlle a volta, sen dificultade e dunha soa peza. Tampouco fai falta recorrer ao tenedor nin para servir a lata, nin para aproveitar esas migallas que quedan no bordo que permanece ao retirarse o abre doado, que no novo formato seguirá sendo de aluminio, pero sen anilla. Iso si, cunha lengüeta de maior tamaño que as habituais para ter garantía de que a pestana non romperá no tirón ou que sexa imposible de despegala por ter as uñas curtas. 

Cambios na fábrica

Pero Calvo non só introduce no mercado un envase diferente e revolucionario, senón toda unha «nova forma de produción, envasado e consumo de atún, máis eficiente, sostible e adaptada ás demandas do consumidor», que patentou como Real Peel®. Literalmente «rompeu o molde», como explica Enrique Orge, director xeral en Europa de Grupo Calvo. E non é unha forma de falar.

Na compaña tiveron que inventar unha nova tecnoloxía que requiriu mesmo transformar fisicamente a planta de Carballo e modificar a forma de fabricar as latas. Cambiou a dosaxe de líquidos, pois o envase, como pedían a maioría dos consumidores, leva a mesma cantidade de túnido pero menos aceite -retíranse 15 gramos netos por lata- para que leve o xusto para non ter que tiralo polo desaugadoiro. Tamén cambia o termosellado (dado que as latas se pechan de forma diferente), ou a forma de movelo pola fábrica...

En definitiva, «foi un reto industrial maiúsculo», salienta Enrique Mandado, director de Operacións de Grupo Calvo. O desenvolvemento do novo envase, o que a compaña definiu na presentación do invento como a maxia de innovar, requiriu un investimento de 30 millóns en catro anos e implicou a provedores tecnolóxicos moi variados, desde os equipos industriais ata as ferramentas informáticas.

O «envorca doado» será un novo fito nos 80 anos de historia da empresa, pero o conselleiro delegado do grupo, Manei Calvo, vai máis aló: «Atrévome a dicir que unha das máis importantes da historia da compaña».

Demandas do consumidor

En Calvo non dubidan do éxito desta innovación, non en balde guiáronse polos desexos do consumidor para alumar a nova lata. Estes pedían un mellor manexo, unha apertura máis sinxela, que non leva tanto aceite, que non houbese que recorrer ao tenedor para sacar o produto e que fose respectuoso co medio ambiente. E iso é o que terán. Polo mesmo prezo levarán un produto máis zumento e máis sostible. Medida en termos de contribución ao cambio climático, o impacto do envorca doado é un 35 % menor que o produto tradicional. Iso sen contar que ao levar menos aceite e aproveitarse todo se contribúe á redución do desperdicio alimentario. Ademais, a composición da lata -aceiro no corpo e aluminio na tapa- segue sendo reciclable nun 70 %, o que reforza a aposta da compaña pola sustentabilidade. Un compromiso que, lembrou Mariví Sánchez, directora de Comunicación, ten entre os seus obxectivos do 2025 conseguir que todo o atún que comercialice proceda de pesca responsable e sostible.

Segundo explicou Orge, os antigos formatos do pack de tres deixáronse xa de fabricar e está previsto que a finais de febreiro o atún claro en aceite de oliva chegue ao mercado en envorca doado.

Un soño que completa outros fitos dunha compaña casada coa innovación

O sistema Real Peel do que xurdiu o envorca doado é a consecuencia dun «soño» de Luciano Calvo, actual presidente, que levaba anos dándolle voltas ata que apareceu a solución tecnolóxica, segundo confesou o conselleiro delegado Manei Calvo. Luciano, Dolores e José Luis son os fillos do fundador da «multinacional familiar» e presumen de todos os fitos acadados pola compaña. Así, alardean de ter sido os primeiros en implantar as latas redondas e do pack de tres, que se lle ocorreu a JoséLui s nunha feira de Mallorca ao ver lotes de tres cervexas. Tamén foron os pioneiros en enlatar atún claro, en anunciar conservas en televisión e en sacar variedades baixas en sal e lixeiras. 

Din os tres irmáns que a bandeira da conserveira carballesa, que naceu en 1940, sempre foi a «innovación», a de non producir nunca «unha conserva peor que a de onte» e conseguir cada día dúas latas máis e mellores que as da xornada anterior. Así chegaron á situación actual, con presenza en 72 países, con «5.300 familias de traballadores», a forza de «non dar bandazos» e de confiar nos equipos.

Outra das cousas das que presumen os Calvo é de ter permanecido unidos, como lle prometeron ao seu pai, Luis Calvo Sanz, que empezou co negocio cunha empacadora que aínda mostran nas actuais instalacións. «Respectamos a súa memoria», proclaman. Agora aplicáronse cinco anos de traballo no redeseño da fábrica de Carballo e seguir proclamando a excelencia.