Patrocinado por Patrocinadopor

Galicia esixe que as novas normas de control non engadan máis trabas á pesca

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

PESCA E MARISQUEO

XOAN CARLOS GIL

O sector galego detallou a súa postura á eurodeputada relatora do informe, a socialista Clara Aguilera

18 ene 2020 . Actualizado ás 10:06 h.

O Consello Galego de Pesca, que onte se celebrou en Vigo, contou coa eurodeputada Clara Aguilera como invitada. Dáse a circunstancia de que a socialista andaluza é a relatora do informe da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo sobre o novo regulamento de control, un texto que, segundo dixo, espera que se aprobe definitivamente «a finais deste ano» e entrar en vigor no 2021. Con esa normativa preténdese «igualar» as condicións do sector pesqueiro en todos os países da UE.

Clara Aguilera avanzou que o documento recollerá cambiar os sistemas de control e establecer cámaras a bordo dos barcos. Ademais, preténdese estender a vixilancia aos barcos de baixura e aos recreativos. O documento está agora aberto a alegacións por parte dos afectados.

Galicia fixo as súas propias achegas, que onte os membros do Consello Galego de Pesca trasladaron en persoa á relatora. Ese ditame xa está en mans da Comisión Europea e no do Goberno español, para que sexa tido en conta nas negociacións das novas regras de control. Un regulamento que, esixe Galicia, debe clarificar as competencias das autoridades nesta materia e, sobre todo, non introducir maiores dificultades, trabas e moita máis burocracia, especialmente para a flota costeira artesanal.