Patrocinado por Patrocinadopor

José Antonio Gómez Castro: «Cando nos chamaron da Casa Real pensamos que era unha broma»

Lucía Vidal REDACCIÓN / LA VOZ

SOMOS MAR

RAMON LEIRO

Esta semana, o ex patrón maior de Portonovo recolleu en Madrid a Orde do Mérito Civil de mans do rei, con quen compartiu recordos do Prestige

24 jun 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Apenas leva un ano xubilado. «Retireime en setembro, cumpridos os 65». Podería ter colgado as botas antes, recoñece, «polo coeficiente redutor que temos os profesionais do mar», pero os compromisos alongaron a súa axenda, unha axenda da que non se desprendeu do todo. «Xa non me piden que quede. Agora dinme que me botan de menos».

-E vostede, bótalles de menos?

-Non, porque non me desconectei do todo. Vivo moi cerquita do porto, falo con compañeiros, chámanme e séguenme pedindo consello.

-Desde os 8 anos no mar... a que se dedica agora?

-Pois a pasar tempo cos meus netos, que teño seis. Acompañalos ao fútbol, a competicións de ximnasia rítmica, e logo, como me di un amigo, a ser corredor de bolsa: da bolsa da compra, do lixo, do pan... Pero moi feliz. Teño todo o día ocupado.

-Esta semana tocou vestirse de «tiros longos». Como se decatou de que ía ser un dos condecorados coa Orde do Mérito Civil?

-Fai uns vinte días chamáronme primeiro de Presidencia da Xunta, e ao día seguinte o Xefe de Protocolo da Casa Real. Ao principio, a miña muller pensou que se trataba dunha broma. Foi unha sorpresa tremenda. Non mo podía crer. Xusto agora estoulle ensinando o vídeo do acto á miña neta, e emocioneime moitísimo. A ela cáeselle a baba. É un orgullo que teñan homenaxeado desta forma ao sector da baixura. Porque este recoñecemento non é algo persoal. É de todos.

-E alá que se foi con toda a famillia...

-Funme coa miña muller, unha filla, un fillo e unha nora. ¡Puxéronse máis tenros que eu!

-Unha medalla, un pin, un diploma... Colocounos xa nalgún sitio especial?

-Aínda estaba a falar coa miña muller de que marco pórlle. Dime que igual teño que alugar un muro. Xa non hai sitio nas paredes. O pin levareino posto na chaqueta. E a medalla quero lucila na procesión das festas patronais.

-Puido falar co monarca?

-Si. Tiven a ocasión de falar con el e con dona Leticia. Estiveron moi amables e distendidos. Cando chegou o momento das fotos, díxenlle que me gustaría repetir a imaxe de fai dezaoito anos. El contestoume «Non me digas, onde nola fixemos?» Lembreille que fora en Portonovo, durante a visita polo do Prestige. Inmortalizáronnos en La Voz de Galicia e esa imaxe deu a volta ao mundo, enviáronma ata desde unha revista francesa. Acordábase perfectamente. Falamos tamén de que a súa agora muller viña cubrir aquel acto como reporteira. Botouse a rir.

-Creo que hai unha anécdota con mexillóns polo medio. A súa muller estaba empeñada en que don Felipe probáseos...

-Si. Había un sitio, o restaurante Chapapote, chamabámoslle, onde atendiamos aos voluntarios que viñan limpar. Dabámoslles almorzos, comidas... Nese momento tiñamos problema co peche da actividade pesqueira nalgunhas zonas, nas que non se podía extraer mexillón. Pero nós queriamos explicar que se o produto chegaba ao mercado, era porque tiña todas as garantías. Entón a miña muller díxolle ao entón Príncipe: «Non me diga que vostede non vai probar os mexillóns tan bos como son?» E nin curto nin perezoso, colleu dous ou tres e comeullos ao natural.

-Falando de anécdotas. Sucedeu algo no acto de entrega que lle sorprendeu, para ben. Un xesto da raíña...

-Unha das homenaxeadas era unha señora de 107 anos. Nos ensaios previos había figurantes que facían dos reis e as súas fillas. Tras os saúdos, ela agarrouse a unha das infantas «ficticias». Entón Protocolo considerou que non era apropiado e que sería mellor que a neta da señora saíse e fose quen a acompañase ata a cadeira. Pois ben, ao día seguinte, no momento de entregar as insignias, a raíña Letizia díxolle ás súas fillas que acompañasen á señora ata a súa cadeira de rodas. Non estaba previsto que fose así. A min non me pasou desapercibido ese detalle humano que tivo a raíña.

-No seu currículo oficial figura que vostede empezou no mar aos dez anos. Foi bastante precoz.

-Foi incluso antes. En casa tiñamos barco. Os meus avós, os meus pais... todos se dedicaban á pesca. Cando tiña oito anos, ao saír da escola íame para o porto, escondíame no barco e logo saía a pescar. Imaxínate que batifondo. A miña nai desesperada porque non sabía onde estaba o seu fillo. Nos 60, que non había móbiles nin emisoras nin nada. A revolución que montei no pobo foi tremenda. Toda a xente buscando nas praias, nas rocas...

-Deulle a todos os paus: xeito, enmalle, cerco, e ata altura...

-Fixen estudos de náutica e aos 15 anos saqueime o título de patrón. Cumprida a mili, fixen tres campañas en plataformas do mar do Norte. Gañábase moito diñeiro pero como calquera galego, eu quería a miña casiña. E unha vez tiven a miña casiña, a miña muller e eu traballamos moito para conseguir o que temos hoxe. Para estar cos meus fillos.

-Algún susto gordo no mar?

-Algún apuro tivemos. Hoxe en día a información meteorolóxica é moi exacta pero antes era moi xenérica. Sempre dicían que aquí facía mal tempo. Tiñamos redes de enmalle que calabamos e que había que recoller ao día seguinte. Se se levantaba temporal, un día deixábalas, outro tamén, pero ao terceiro ou ías por elas ou perdías moito diñeiro. Por iso arriscabamos. Un día unha bomba que arrefriaba auga do motor empezou a quentarse con temporal forza 7 e moi preto da costa. Pasámolo mal.

-A substitución xeracional, polo menos no seu caso, está asegurado...

-A miña muller foi pescantina. Xubilouse este mes. A miña filla dedícase ao mesmo. Ten un gran don de xentes. O meu fillo empezou comigo a pescar. Hoxe é inspector de pesca.

-En casa do ferreiro, coitelo de pau? Ou se come moito peixe en casa dunha pescantina e un pescador?

-Consómese moito. De feito, hoxe quedei só en casa cun dos meus netos. Díxenlle: «Nacho, que fago para comer para ti e para min?» E respondeume: «Imos á praza e collemos chocos». A miña filla, a que é pescantina, de nena ía coa súa nai ás lonxas. Ás veces chegaba a casa do colexio, preguntaba cal era o menú, e se había paella, íase ao furgón da nai e collíase un peixe para facer a súa cea. Eu son moito de azul.