Patrocinado por Patrocinadopor

O arrastre dá por válidas todas as compras de cota no Cantábrico

e. abuín REDACCIÓN / LA VOZ

SOMOS MAR

José Pino

A Audiencia Nacional rexeita complementar o fallo, como pedira Pescagalicia

16 feb 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A maraña xudicial na que se viu envolvido o Cantábrico Noroeste, cuxo plan de xestión cultivou tantas demandas como ordes que o van actualizando, continúa enredando a xestión pesqueira. Se hai unhas semanas a maxistrada da Audiencia Nacional Felisa Atienza daba ás á Organización de Produtores Pesqueiros (OPP) Pescagalicia a confiar en que, tal e como reclamaran na súa demanda, íanse a anular as operacións de compravenda de cotas realizadas polos armadores nese caladoiro -pois a sentenza que ditou tombaba a disposición da orde do 2015 que as amparaba-, agora acaba de segar de raíz toda esperanza.

Ocorre que a Sala o Contencioso-Administrativo da Audiencia Nacional desestimou a solicitude de subsanación e complemento de sentenza «nos termos interesados» por Pescagalicia, organización demandante que presentou un escrito solicitando unha aclaración dese fallo. Pero o tribunal considera que «non procede efectuar ningún tipo de complemento» da resolución e que debe respectarse «ao seu contido».

E ese contido recolle, é certo, que se invalida a disposición final terceira da orde do 2015, pero tamén deixa claro que esa anulación se fai «sen prexuízo de que se teñen que respectar os actos administrativos firmes» que se realizaron en virtude da citada orde «antes de que a anulación acadase efectos xerais». É dicir, que aínda que se tombe o citado apartado da norma que regula a xestión do Cantábrico Noroeste, e por máis que o tribunal teña percibido nesa disposición «un concreto suposto de desviación de poder» -recolle a sentenza-, esta, segundo a maior parte dos arrastreiros queda sen efectos prácticos ao recoller que as transferencias realizadas ao amparo da orde do 2013 manteñen a súa vixencia.

Pescagalicia quería precisamente que se aclarase que operacións tiñan validez. Se as feitas despois de febreiro do 2015, cando a Audiencia anulou a orde do 2013 ou xa no 2017, data na que o Supremo ratificou a sentenza da instancia anterior.

Pero os maxistrados da Sala do Contencioso-Administrativo non entraron a resolver as súas dúbidas. Rexeitaron examinar o recurso para emendar e complementar a sentenza alegando que, como principio xeral, «os tribunais non poderán variar as resolucións que pronuncien despois de asinadas, aínda que si poden aclarar algún concepto escuro e rectificar calquera erro material do que adoezan». Agora ben, este complemento non pode combater as declaracións contidas na sentenza ou auto que se pretende aclarar, pois o que se obtería «non sería a simple subsanación dunha omisión, senón unha revisión do sentido da resolución, coa que se pode discrepar, pero que non se pode modificar se non é por razón dos recursos que contra ela proceden». 

Interpretacións diferentes

A organización Pescagalicia trataba de que a Xustiza revertese as operacións realizadas entre xullo do 2013 e novembro do 2015, data na que se despezaron 18 embarcacións de arrastre e as súas cotas foron vendidas aos que quedaban en activo. Entendía que ao anular a disposición transitoria caían tamén as transaccións realizadas, pero como o tribunal non entrou na aclaración, espera á execución da sentenza que faga Madrid, pois, segundo Torcuato Teixeira, máximo responsable da organización, esta non vai recorrer.

As demais agrupacións, que defenden a posibilidade de adquirir, traspasar ou transmitir cotas individuais entre barcos e empresas tal e como se fai en augas de Gran Sol, manteñen o que xa deduciran ao ler a primeira resolución da Audiencia Nacional: que toda as operacións realizadas son válidas, xa que deixa en pé as levadas a cabo antes da anulación con carácter xeral e esa anulación produciuse no 2017, cando xa estaba en vigor unha nova orde. Por iso é polo que se reafirmen en que a sentenza non ten efectos prácticos e que se disipou a inseguridade xurídica na que se movían os armadores.