Morre un mozo de 23 anos tras chocar contra un camión en Xermade

André Siso Zapata
André S. Zapata LUGO / LA VOZ

XERMADE

La Voz

A vítima, natural de Vilalba, non puido esquivar ao tráiler, que transportaba produtos conxelados. É a cuarta vítima mortal desta estrada no que vai de ano

08 ago 2025 . Actualizado á 16:18 h.

Un mozo de 23 anos morreu este venres nun accidente de circulación ocorrido no municipio lucense de Xermade. A vítima, natural de Vilalba e cuxas iniciais eran P. S. P., chocou frontalmente contra un camión cando conducía pola LU-540, ao seu paso pola parroquia de Roupar. 

O sinistro tivo lugar no punto quilométrico 37, nunha curva non moi pronunciada, ás 11.25 horas. O tráiler, que transportaba produtos conxelados, tratou de esquivala, pero foi imposible. O mozo circulaba en sentido Viveiro, mentres que o vehículo articulado ía cara a Vilalba. Unha testemuña afirma que o turismo invadiu o carril contrario. 

O accidente deixou unha gran marca de freado na vía. Os equipos de emerxencias acudiron ao lugar tras o aviso do 112, xa que era necesaria a excarceración do corpo do mozo. Ata alí foron os bombeiros do parque de Vilalba, efectivos do 061 e de Protección Civil e da Garda Civil de Tráfico.

Trátase da cuarta vítima mortal da LU-540 ao seu paso por Xermade no que levamos de ano. En xaneiro, un matrimonio de veterinarios faleceu tras saírse da vía durante unha forte granizada. E, hai unhas semanas, outro mozo de 27 anos morreu tras caer nunha pista e encaixarse contra unha árbore.