As escavacións en Cova Eirós, de Triacastela, seguirán o próximo ano

Xosé Ramón Penoucos Blanco
x. r. penoucos LUGO / LA VOZ

TRIACASTELA

Daniel R. Portela / Alberto López

Os traballos no xacemento comezaron en 2008 e supuxeron grandes achados

31 ago 2017 . Actualizado á 21:47 h.

As escavacións na Cova Eirós continuarán, como mínimo, un ano máis, tras confirmalo onte o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, nunha visita a Triacastela na que estivo acompañado pola alcaldesa, Olga Iglesias, o director do proxecto, Ramón Fábregas, e o codirector das escavacións, Arturo Lombera.

O proxecto, segundo manifestou Román Rodríguez «está a desvelar moitos aspectos descoñecidos sobre o noso pasado remoto e un libro aberto co que con prender non só a prehistoria da nosa comunidades, senón tamén do conxunto do noroeste peninsular».

Os traballos neste xacemento comezaron no ano 2008 tras localizar na entrada das covas restos de diversas ocupacións paleolíticas, ademais de motivos pintados e gravado no interior da cavidade que supuxeron un achado único en Galicia de arte parietal no Paleolítico Superior.

Os resultados das escavacións puxeron ao descuberto desde o primeiro momento a importancia do xacemento para o estudo da Prehistoria en Galicia, Os estratos escavados conteñen vestixios que comezan coas últimas comunidades de Neardentales, seguen con grupos cazadores do Paleolítico superior, continúan cos primeiros agricultores do Neolítico e chegan ata as comunidades campesiñas da época Altomedieval.

Os novos achados confirman o grupo de Neardentales que residiron neste lugar como un dos últimos que residiron no norte peninsular, xusto antes da chegada do Homo Sapiens a este territorio. Este feito permite que os investigadores vaian delimitando cada vez mellor as causas da súa desaparición e valorar se se debeu aos cambios climáticos ou da competencia producida pola chegada dunha nova especie á zona.

Estes vestixios comparten protagonismo con pintadas realizadas por mozos da localidade que visitaban ocasionalmente o lugar antes de que os arqueólogos o descubrisen. Os grafitis modernos non poden eliminarse por temor a destruír posible vestixios que se atopen tras eles e que nalgún momento poderían saír á luz se se descobre un método para eliminar as marcas recentes.

Olga Iglesias e Arturo Lombera visitaron pola tarde o local, coñecido popularmente como O Casarón, no que pretenden construír cando antes un centro de interpretación sobre os achados de Cova Eirós. O edificio é propiedade do Xacobeo, que cederá unha parte ao Concello para que o destine a mostrar os achados do xacemento.