O Val de Lóuzara: descubrir montaña, río, fervenzas e covas a través do seu escritor

Uxía Carrera Fernández
UXÍA CARREIRA SAMOS / LA VOZ

SAMOS

O roteiro de Fiz Vergara Vilariño discorre por nove quilómetros en coche e tres a pé. É unha opción sinxela , ideal para nenos ou animais, para coñecer un val case virxe de Samos

12 jun 2022 . Actualizado ás 05:00 h.

O Val de Lóuzara é unha paraxe natural pouca explorado para toda a beleza natural que ofrece. Situado no concello de Samos , atópase ao fondo das ladeiras que colindan co Courel, á beira do río Lóuzara. Foi unha zona repleta de vida pero o despoboamento baleirou de habitantes as aldeas do val, que agora é unha paraxe natural case virxe porque resulta complicado atoparse unha soa persoa.

A única opción oficial para explorar Lóuzara vén da man do seu ilustre escritor Fiz Vergara Vilariño, nacido no val, que ten un roteiro establecido polo Concello fai máis de dez anos. Aínda que a súa falta de mantemento afecta na conservación de cada unha das paradas, aínda se pode gozar del. Consiste nunha ruta con tres primeiras paradas que se fan en coche e despois outras dez a pé por un carreiro sen subidas nin baixadas á beira do río. Esta segunda parte son uns tres quilómetros que se percorren de xeito lineal. É, xa que logo, unha opción ideal para nenos, familias, animais e tamén para os amantes da literatura.

En cada unha das paradas estableceuse un marcador con algún dos poemas de Vergara Vilariño ou dalgún dos artistas que colaboraron na ruta, xa que nalgúns dos puntos hai creacións artísticas de figuras como Paco Pestana.

O percorrido

O roteiro do escritor empeza en Aira Padrón, onde se chega desde Samos pola estrada LU-P-5601 circulando uns nove quilómetros. Desde a saída do pobo do Camiño Francés xa está sinalizado. En Aira Padrón, ademais, está o restaurante con ese mesmo nome, no que tamén merece a pena facer unha parada pola súa especialización en carne de loura galega suprema. Nese primeiro punto xa está sinalizado o roteiro.

Desde aí hai que ir en coche ata a seguinte parada, que é en Santalla de Arriba, a uns nove quilómetros. A pesar de ir en coche, neste tramo xa se pode gozar dunhas vistas espectaculares ás montañas do Courel, xa que Aira Padrón está a máis de mil metros de altitude e o val atópase a uns 600. Antes de baixar ata o fondo das montañas, se un ten sorte, mesmo pode observar no ceo algunha das aves rapaces que aínda habitan Lóuzara.

A seguinte parada, a poucos quilómetros, é Santalla de Abaixo, onde naceu Fiz Vergara e onde comeza a ruta a pé. Na propia aldea atópase un dos puntos máis bonitos. «Fálame ti, vello muíño / meu bon aleiro proletario / cobillo de amores á beira dá fonte», así é o poema que acompaña á parada, onde se sitúa un muíño e unha cova na que nace unha fervenza, na que se pode entrar. A continuación empeza un carreiro con vistas ás cimas das montañas e acompañada do son da auga do río.

Os tres quilómetros de ruta pódense seguir facilmente coa consecución de paneis de cada unha das paradas e ademais, gardan sorpresas. Esculturas e obras artísticas escóndense entre as árbores do val para facer homenaxe a Fiz. Antes de chegar ao último punto, o carreiro tópase cunha espectacular parede de auga de varios metros de altura que permite remojarse antes de camiñar de volta a Santalla.