Rábade estrea por todo o alto o seu Mercado de Nadal

Paula Álvarez García
P. ÁLVAREZ RÁBADE / LA VOZ

RÁBADE

O municipio inaugurou este sábado o espazo, que conta con 20 postos, e continúa activo este domingo en horario de mañá e de tarde

02 ene 2026 . Actualizado a las 21:59 h.

Onte en Rábade respirábase ilusión. A ilusión de poñer en marcha unha iniciativa que tivo moita acollida por parte do público. Dende o Concello levan tempo pensando en facer un mercado de Nadal, e este ano materializouse. Fontes municipais aseguran que foi quedando atrás por temas organizativos, dado que a localización era, aseguran, un dos principais problemas. Finalmente apostaron pola antiga praza de Abastos, no campo da feira, para darlle uso, e a iniciativa foi un éxito. Xa este sábado, na inauguración, rexistrou unha gran afluencia de xente.

Explican dende o Concello que o Mercado de Nadal de Rábade tivo gran acollida tamén por parte dos produtores e artesáns, dado que houbo postos que quedaron fóra. E, aínda así, foron 20 os que se asentaron onte na antiga praza. Dende artesanía de Galicia ata diferentes produtores locais, de queixo e licores, por exemplo, o mercado encheuse de vida e de bo ambiente. Non contabamos con tanta xente. É a primeira vez que se fai e vai ir a máis», aseguran dende o Concello.

A inauguración tivo lugar onte da man da alcaldesa, Remedios González, acompañada de Papá Noel. Estivo aberto de 12.00 a 14.00 horas pola mañá, e de 16.00 a 20.00 pola tarde, e continúa este domingo nese mesmo horario con todo tipo de propostas para diferentes públicos. A selección dos postos, explican, fíxose a través dunha convocatoria pública.

Os postos que participan no Mercado de Nadal de Rábade son Kira Lab Jewels, María Jul, Cabanes Fontao, Péndulo, O Colaseiro, Maderando, De la Huerta, De la mano de Maya, María José, Taller Luz y Renacer, O Rincón de Almu, Cerámica de Bonxe, Finca Casa Barbeiro, El Bosque Mágico, En Perlas, O Recuncho de Andrea, Núñez Photo Studio, Manualidades, Las Tres Casas y Cosiñas. Entre todos devolveron a actividade a unha praza que, de no ser por actividades coma esta, estaría cerrada. Dende a organización celebran o éxito desta primeira edición e aseguran que supón unha motivación para comezar xa a pensar na seguinte.