Lugo, unha oportunidade única para 40 alumnos polacos de construír pezas de avión coas súas propias mans

Uxía Carrera Fernández
U. CARRERA LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Carlos Castro

O CIFP As Mercedes aocgió durante dúas semanas un programa de Erasmus Plus con institutito de Poznan

13 sep 2021 . Actualizado á 05:00 h.

Poder aplicar os coñecementos de xeito práctico marca a diferenza en numerosos campos de estudo para converterse nun bo profesional. Esta é a maior lección que levaron os 40 estudantes de Polonia que estiveron dúas semanas formándose no CIFP As Mercedes de Lugo.

Os mozos proviñan do Instituto de Formación Profesional e Continua da cidade de Poznan. Os seus estudos no país polaco son máis xeneralizados que os do centro lucense. A súa formación aglutina as modalidades de formación profesional básica, media e superior e ten unha duración de cinco anos, a diferenza dos dous anos que se cursan en España. Ao finalizar, teñen a formación correspondente a un FP superior. Practicamente todos os polacos que visitaron Lugo están a realizar os estudos en mecánica de avións e outros dous, relacionados coas enerxías renovables. Tres profesores de Polonia acompañáronos ata España tamén para coñecer as técnicas e os materiais que se utilizan aquí.

Coñecer o aeródromo de Rozas

Os estudantes traballaron durante unha semana no taller do aeródromo de Rozas, un espazo co que non contan en Polonia, e outra semana estiveron a facer prácticas no centro de Lugo.

Os alumnos do CIFP As Mercedes colaboran constantemente coas instalacións de Rozas, onde poden poñer a funcionar os seus drons ou os aparellos que elaboran. Esta oportunidade non é algo común nos centros públicos, polo que para os visitantes polacos foi un achegamento inédito ao mantemento de aeronaves. Xa no taller da escola na cidade de Lugo, puideron traballar por primeira vez con materiais compostos para elaborar, en tan só sete días, unha pa para aeronaves.

Un centro con recursos limitados

O instituto no que estudan en Polonia é público e os seus fondos económicos son «moi limitados» para poder traballar do xeito máis práctico posible. «Utilízanse os materiais máis baratos para non malgastar o diñeiro», explica unha socia da Asociación Polonia en Galicia, quen organizou as prácticas. O problema de financiamento nos colexios públicos tamén existe en Galicia, pero o CIFP As Mercedes traballa constantemente para esquivar esa situación. «Participamos en moitos proxectos que nos axudan a ter material e así podemos conseguir o diñeiro para traballar con compostos, pero non é o habitual nos centros públicos», explicou o profesor Luis Abelleira. Os 40 polacos aterraron nun centro referente da formación aeromecánica e puideron elaborar pezas coas súas propias mans grazas ás instalacións e maquinaria coas que conta a escola. Ademais, utilizando os materiais que actualmente se empregan no mercado.

Sen tradutor e en inglés, os profesores lucenses puideron entenderse á perfección cos visitantes. «Estaban moi contentos coa experiencia e levan un complemento formativo dos seus estudos ao que no seu país non terían acceso», relata Abelleiras. O recordo tamén será material, xa que unha das pas que elaboraron, que foron unha grande e outras dúas pequenas, levarana ao seu instituto.

Máis de 40 horas en autobús con oito condutores para crear un grupo burbulla

A primeira visita a Lugo destes mozos chegou despois de máis de 40 horas de autobús. Toda a viaxe, as prácticas e a estancia en Lugo estiveron organizadas pola Asociación Polonia en Galicia. Polas limitacións que trae o coronavirus, decidiron que o transporte dos mozos sería en autobús desde Poznan ata Lugo, o que supón máis de 40 horas de viaxe nas que se intercambiaron oito condutores, xa que apenas realizaron paradas. Comeron e durmiron no bus. «Non queriamos arriscarnos a que pechasen algún aeroporto así que iamos contratar de todos os xeitos un autobús, pero despois pensamos que sería mellor facer así toda a viaxe para poder crear un grupo burbulla e evitar contagios», explica a presidencia da asociación, Ewa Pawlowska.

Unha vez en Lugo, ademais de acudir ao CIFP As Mercedes aproveitaron para coñecer a cidade situados no céntrico albergue Lug 2. É a primeira vez que Polonia en Galicia colabora co centro educativo de Lugo, xa que están a explorar o intercambio entre galegos e polacos a través de prácticas profesionais.

A experiencia tivo lugar antes de que comezasen as clases dos alumnos de Lugo porque senón non habería espazo para acoller nas aulas a un grupo tan numeroso. A pesar de que non estiveron en contacto con mozos lucenses na súa mesma situación «non só viviron a experiencia de campo senón tamén o conxunto de romper a barreira de idioma que é o español e outra rutina educativa».