A asociación de Guitiriz que xunta a 200 persoas cada mes para comer: «É un punto de reencontro, moitos veciños só se ven nas xuntanzas»
GUITIRIZ





















A Asociación de Pensionistas e Xubilados de Guitiriz reúne cada mes no Resturante La Casilla os veciños do concello para compartir comida e música
29 ago 2025 . Actualizado a las 08:53 h.O xoves ao mediodía o comedor do Hostal Restaurante La Casilla encheuse de voces, risas e reencontros. Máis de 170 persoas, a maioría veciños de Guitiriz e das súas parroquias, xuntáronse arredor dunha mesa para compartir a comida mensual organizada pola Asociación Local de Pensionistas e Xubilados. Non é unha cita calquera, xa que para moitos é a oportunidade de ver amigos, veciños e coñecidos que só se atopan nestas reunións.
«A xente vén moi contenta, hai quen non falla nunca», conta Javier González, secretario da nova directiva. El sabe ben que estas xuntanzas teñen un valor que vai máis aló do prato e da música: «É un punto de reencontro, sobre todo nun concello con tantas parroquias».
Da ilusión dos comezos á renovación da directiva
A asociación botou a andar no 2003, cando un grupo de veciños decidiu poñer por escrito a súa acta fundacional e os seus estatutos. O primeiro presidente foi Carlos Tomé Martínez, aínda que a etapa máis longa estivo marcada por Antonio Bello Iglesias, que dirixiu a entidade desde 2008 ata 2025.
En abril deste ano tocou renovación: agora á fronte está Manuel Penas Ramos, acompañado por un equipo no que tamén están Arbolita Bello Varela (vicepresidenta), Javier González Roca (secretario), Daniel Regueiro Pereira (subsecretario), Concepción Martínez González (tesoureira) e os vogais Indalecio Vázquez Paz e Josefa Díaz Cabarcos.
Levan só uns meses pero xa se notan cambios. «Nestes meses tivemos moito traballo, sobre todo polo feito de tomar as rendas de algo novo para nós, ademais de actualizar as listas, facer novos carnés…», explica Javier González. O carné de socio é precisamente unha das renovacións que introduciu a directiva actual.
Un colectivo aberto e diverso
Hoxe son 338 socios, aínda que antes da pandemia chegaran a superar os 600. A media de idade é de 75 anos, pero tamén hai quen pasa dos 90 e non perde unha cita. «Non teñen por que ser de Guitiriz nin estar xubilados, o único requisito é que veñan pola nosa oficina na Casa Habanera para apuntarse», sinala o presidente, Manuel Penas.
Entre os membros tamén hai persoas que aínda non se retiraron da vida laboral e que figuran como socios colaboradores. «Son unhas dez, pero a inmensa maioría xa está xubilada», puntualizan desde a directiva.
A comida, festa e tradición
As comidas mensuais son o corazón da asociación. En agosto, un mes que adoita ser máis frouxo, reuníronse 170 persoas. «Nas comidas máis especiais podemos pasar dos 200, a xente ten ganas de festas», asegura Javier González.
A vindeira será o 18 de setembro, considerada a «»comida dos socios», onde estes só pagan 5 euros. Nas demais, a achega é de 23 euros e inclúe xantar e música en directo para bailar despois. Os non socios tamén poden participar, cun prezo de 30 euros.
As comidas realízanse no Hostal Restaurante La Casilla de Guitiriz por ser un dos locais que reúne as condicións para este tipo de reunións. «É un lugar idóneo e cómodo para todos porque non temos que desprazarnos fóra do concello», recalca o secretario.
Ademais de contar cunha boa ubicación, o ambiente é sempre animado: xogos de baile, bingo e moitas conversas que recuperan amizades de anos. «Estamos ilusionados porque cada vez temos máis xente», engaden desde a directiva.
Máis actividades de dinamización
A vida da asociación non remata nas comidas. Xa teñen marcada unha excursión en outubro a Santander e aos Picos de Europa, os días 17, 18 e 19. «É a primeira que facemos desde que estamos nós ao cargo», explica González, ilusionado. O prezo é de 285 euros para socios e 305 para non socios.
Tamén participaron recentemente nunha convivencia en Pol, xunto a outras entidades de maiores da provincia de Lugo. Ademais, cada mes de xaneiro celebran a súa Asemblea anual, unha cita máis formal na que se presentan contas, actividades e se abre un espazo para preguntas. Pero, coma sempre, tamén hai sitio para uns pinchos e un pouco de baile.
O gran reto da nova directiva é conseguir un local social: «Gustaríanos facer máis actividades, pero ao non contar cun local estamos máis limitados», recoñece o presidente. Xa mantiveron unha reunión coa alcaldía e confían en que o proxecto se poida facer realidade.
Unha ilusión compartida
O espírito segue a ser o mesmo que no 2003: dinamizar a vida social da vila. «A asociación non ten fins lucrativos, creouse para a realización e promoción de actividades culturais e recreativas. Comezou con moita ilusión», lembran dende a directiva.
E esa ilusión reflíctese en cada xantar, en cada viaxe, en cada reencontro. Porque en Guitiriz, para moitos, a asociación non é só un colectivo, é un punto de reencontro cos seu veciños.