Sae á luz a muralla do castro de Santa María de Cervantes

Suso Varela Pérez
suso varela LUGO / LA VOZ

CERVANTES

El Castro de Santa María está situado en el corazón de la comarca de Os Ancares, concretamente en el concello de Cervantes y es el tercero catalogado como Bien de Interés Cultural.
O Castro de Santa María está situado no corazón da comarca dos Ancares, concretamente no concello de Cervantes e é o terceiro catalogado como Ben de Interese Cultural. CEDIDA

Realizan máis escavacións no poboado mineiro dos Ancares datado entre os séculos I e II da nosa era

07 oct 2022 . Actualizado á 13:55 h.

O castro de Santa María, no municipio lucense de Cervantes, foi un poboado de gran relevancia no Imperio Romano xa que se converteu nunha especie de grande aldea que albergaba aos traballadores das explotacións auríferas do Navia e os seus afluentes.

Trátase dun xacemento, con orixe nos séculos I e II d.C., que xa conseguiu a catalogación de BIC (na provincia de Lugo só a teñen o de Viladonga e o de Fazouro) pero que segue sendo pouco coñecido polo gran público a pesar de que se trata dunha xoia para os arqueólogos e historiadores, xa que as sucesivas escavacións que se realizaron neste lugar do corazón dos Ancares puxeron de relevo como foi o proceso da romanización da cultura castrexa.

As campañas de escavacións, como xa anunciou a Xunta e aprobou o Parlamento de Galicia, continúan. Os arqueólogos están a traballar estes días no xacemento para sacar á luz parte da muralla do Castro. Na mañá deste venres, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobou a evolución dos traballos que suporán un maior coñecemento, conservación e posta en valor deste patrimonio galego.

A intervención que se realiza agora, cun presupostos de 17.800 euros, céntrase na escavación dun tramo de 60 metros cadrados do sector este da muralla que delimita o castro, co fin de coñecer as súas características estruturais. Tamén se procede á consolidación puntual das estruturas arqueolóxicas escavadas nos anos 90 do pasado século, e que permitiron polo en valor para os visitantes.

Previamente, houbo que realizar tarefas de limpeza manual de muros, pavimentos e outros elementos, así como unha roza da zona este, que consistiu fundamentalmente en eliminar as especies de monte baixo da superficie de actuación.

Está previsto que o traballo de campo remate nos próximos días, e que no mes de decembro estea lista a memoria técnica que documentará os achados e avances realizados.

Características do conxunto patrimonial

O xacemento de Santa María de Cervantes corresponde a un poboado mineiro datados nos séculos I-II da nosa era. O conxunto está integrado, ademais, polos restos de explotacións mineiras na súa contorna inmediata e por unha igrexa e unha necrópole na súa croa que se remonta, cando menos, ao século XIV.

«Os estudos realizados revelaron numerosos datos sobre o período de transición das culturas prerromanas ao mundo romano, que explotaba os xacementos auríferos do río Navia e os seus afluentes. As minas son mostra dunha interesante corta de explotación a ceo aberto de considerables dimensións, para aproveitar o mineral aurífero primario, asociado a mineralizacións de ferro», destacan desde a Consellería de Educación.

Todo este fermoso conxunto foi declarado Ben de Interese Cultural en novembro do ano 2019, e desde entón a Consellería de Cultura leva investidos preto de 34.000 euros na súa investigación e mantemento.