
Medio Rural mobilizou a medios aéreos e terrestres para sufocar as chamas. Non houbo perigo para a poboación en ningún momento, segundo o alcalde
18 sep 2025 . Actualizado á 18:53 h.O municipio lucense de Becerreá sufriu este xoves un incendio forestal que chegou a preocupar ás autoridades. O lume empezou ao fío das doce da mañá e afectou a unha zona boscosa da parroquia de Vilachá, moi preto do límite coa de Bustelo. Medio Rural mobilizou de inmediato a medios terrestres e aéreos para tratar de conter as chamas. Ás 15.21 horas, segundo o servizo de prensa desta Consellería, quedou estabilizado, aínda que continuou ardendo unha parte dese terreo ata as 17.36, cando quedou oficialmente controlado.
Unha gran columna de fume branco podía divisarse desde varios quilómetros de distancia. Medio Rural enviou ao lugar a efectivos de varios tipos. Entre eles, catro técnicos, cinco axentes, doce brigadas, sete motobombas, unha pa, sete helicópteros e tres avións anti incendios. Os medios de extinción traballaron durante gran parte do día de onte no lugar.
13:34?#IFBusteloBecerreá #Lugo
— ATBRIF (@AT_Brif) September 18, 2025
Este é o aspecto do incendio forestal de Bustelo á chegada de @BrifLaza para traballar en labores de extinción.
Somos #BRIF de @mitecogob pic.twitter.com/e43nb5quuo
O alcalde de Becerreá, Manolo Martínez, aseguraba pouco despois de que se dese a alerta que a zona que está a arder trátase de «un pinar que se tirou recentemente», polo que «hai pouca masa arborada que poida arder». O motivo da súa preocupación radicaba en que o lume non se estendese, xa que ese terreo está rodeado por unha zona de monte na que si hai unha gran densidade de árbores. «Se se estende, pode arder medio Becerreá», temía o rexedor. Trátase dunha zona sen núcleos de poboación, así que non hai casas ameazadas.
Medio Rural asegura que se queimaron polo menos 13,5 hectáreas, e desde o concello afirmaban que o incendio quedaba preto de extinguirse.