Case todo funciona mellor en rede, establecendo conexións e xerando sinerxias. Unha árbore soa non crea un bosque, nin unha neurona illada xera pensamento. Tamén os museos gañan cando se interrelacionan, colaboran e aprenden colectivamente. Cómpre pois celebrar os 20 anos da Rede Museística Provincial de Lugo e unha das actividades coas que se comemora esta efeméride é a exposición do proxecto 500 Mulleres na Arte.
A inauguración da exposición o 2 de setembro ás 12 na Sala de exposición da Deputación permitirá seguir afondando nun dos aspectos de revisión crítica en perspectiva de xénero ao que se está a someter o relato histórico e tamén a propia historia da arte. Os debuxos a lapis e tinta achegarannos rostros, algúns coñecidos e outros misteriosos. Das 532 mulleres retratadas na exposición, especial detemento noso merecen as 9 lucenses, que abranguen desde personalidades consagradas e recoñecidas como Maruja Mallo ata figuras actuais como Mónica Alonso ou nomes que nos acompañan dende sempre nas rúas polas que transitamos como Julia Minguillón. E cada retrato leva un Qr que tamén constrúe rede: entre rostros, biografías, xeracións e creadoras.
A exposición contempla a implicación cos programas formativos de centros escolares. A relevancia é maior do que aparenta. Non se trata só de que a visita dos escolares á exposición permita dar a coñecer figuras de artistas ou reflexionar sobre cuestións de xénero, senón tamén de promover desde ben novos a participación na vida cultural, a curiosidade pola historia e polo contexto no que vivimos. Teatro, cine, museos, presentacións de libros, exposicións… a vitalidade cultural depende non só de infraestruturas e de oferta de actividades, senón, fundamentalmente, da participación activa da cidadanía. Saiamos á rúa e entremos nos museos. Un xeito de estar no mundo.