O mes de agosto non é só mes de praia, festas gastronómicas e romarías. É tamén un mes ateigado de acción cultural. Basta mirar á contorna da nosa provincia, e un bo exemplo é a Mostra de Teatro Amador de Palas de Rei. Entre o 20 de agosto e o 5 de setembro, Palas acollerá a 27ª edición desta mostra de teatro cun intenso programa.
O teatro foi desde as súas orixes unha forma cultural especialmente vencellada ao rito, á comunidade e ao espazo. O teatro xeraba as súas propias construcións, significativamente circulares en orixe, porque o círculo é a forma participativa por excelencia, a forma do rito. Os participantes sitúanse en roda; os espectadores, en fronte. E hoxe o teatro, esa forma de arte tan antiga e primixenia, que non require desenvolvemento tecnolóxico e nos acompaña dende sempre, ten algo especial no conxunto da produción cultural: a necesidade da presenza, a súa singularidade en acto. Unha gravación xa non é teatro, é outra cousa; como unha fotografía non é un instante de vida, senón unha reprodución do que un día foi un intre vivido. Por iso, neste momento de reprodución infinita e de imaxes xeradas, o teatro devólvenos algo primordial: corporeidade, realidade tanxible, vivencia única.
Agosto é o epítome do tempo furtado á produción. E aí agroma sempre a cultura. Cando liberamos un segundo da loita pola subsistencia, inventamos historias, xogamos, creamos. Gozar do verán é, daquela, unha nova oportunidade de conectar con esa dimensión da existencia tan esencial: a da cultura, a do soño que nos eleva, a das historias que nos fan pensar. O verán convida tamén a facelo ao aire libre: xa sexa recuperando as proxeccións de cinema ou o teatro en espazos abertos. Velaquí, pois, unha boa ocasión para achegarse a Palas e recuperar, a través do teatro, o pracer irrepetible de estar alí.