Prezos

Antón Grande LUGO

LUGO

Destacaba a prensa estes días que os prezos subiron de xeito desmedido desde a pandemia e que, por exemplo, un terzo dos salarios empréganse no alugueiro da vivenda, e que esta subida está a ocasionar a desaparición da clase media.

É certo que se está tratando de pór freo a estas alzas nos alugueiros, xa sexa a través de leis, ou ben con compensacións na declaración da renda, aos propietarios de pisos en alugueiro que decidan rebaixar os prezos, ou ben mantelos sen elevalos.

A teoría é moi bonita pero vaiamos agora aos feitos, dados a coñecer tamén nos medios de comunicación. No Resurrection Fest, finalizado hai unha semana, víñase cobrando polo alugueiro dun piso, durante cinco días, entre 2.500 e 3.000 euros aínda que tamén é certo que no mesmo se aloxan cuadrillas de 8 ou 9 amigos co cal, sálguelles máis económico. Á súa vez, na Mariña, especialmente nas localidades con maior tirón turístico agora nestes dous meses de verán, os prezos andan sobre os 2.500 euros a quincena ou os 3.500 o mes enteiro e incluso, aqueles propietarios que teñen a posibilidade de alugar a primeira quincena de setembro, sumarían outros 2.000 euros máis.

Facer contas agora: o alugueiro do piso no Resurrection, máis os dous meses de verán ou mes e medio máis, sae a conta nuns 12.000 euros, isto claro en Viveiro, que noutras localidades baixarían a nove ou dez mil euros.

Iso xera á súa vez outro problema: a falta de pisos en alugueiro porque non interesa ou se se fai, é coa condición de deixalos a mediados de xuño. A solución, sen dúbida, non é doado.