Multas

ANTÓN GRANDE

LUGO

06 feb 2026 . Actualizado á 22:26 h.

Hai que ver o balbordo que se montou coas multas que impón a policía local. Este xornal informaba hai uns días da denuncia duns axentes, sinalando que o seu soldo dependía do número de multas que impuñan con fotografías tomadas desde os coches patrulla.

A noticia foi contrastada ao día seguinte por un mando policial, indicando que nada do relatado por parte deses axentes tiña visos de realidade, asegurando que o obxectivo da policía local baséase en oito puntos para mellorar o tráfico e a seguridade cidadá.

Os sete primeiros están dedicados exclusivamente ao tráfico, en tanto que o último o é ao control das zonas peonís, insistindo en que nunca se tratou de actuar cun interese recadatorio e moito menos, que os axentes cobrasen un plus en relación ás sancións que impuxesen polas fotos feitas desde os seus vehículos cos teléfonos móbiles.

A cousa non quedou aí e nestas páxinas novamente dous policías dos cinco denunciantes, Ares e Cerdeira, dan a cara e explican que presentaron recursos de reposición no Concello. Aseguran que o modelo de priorizar as sancións produciulles perdas nos seus soldos de máis de mil euros e anuncian que se non, irán ao Contencioso-Administrativo.

Non sei en que quedará esta lea, pero si hai algo que me suscitou este comentario: a ausencia de policías de barrio. Por que non facelo a pé como outrora. Non estaría mal que copiasen dos Bobbies ingleses, que patrullan a pé, sen armas, enfocados na prevención e o servizo comunitario. Aquí bótoos de menos.