Luces

Xulio Xiz

LUGO

29 dic 2025 . Actualizado a las 13:50 h.

Pensaba escribir sobre as luces que proclaman nas noites lucenses que o Nadal aniña en nós, pero cruzóuseme o tema da reprobación do aínda presidente Tomé por parte do PP e dos compañeiros de goberno do BNG, coa resistencia pasiva do que foi o seu partido.

As luces brillan no tempo no que todos vemos familia e vacacións, resignación polo pasado e anceios de melloría futura. E nas rúas que non teñen alumeado nadaleiro público, os particulares encárganse de lembrar que alí brilla a festa, aínda que os orzamentos públicos non dean para tanta luminaria. Que hai que recoñecer que Concello e Deputación aplicáronse á brillantez luminosa na zona máis visible da capital, sendo a inauguración da Deputación un dos últimos actos de Tomé antes do Big Bang.

Se o comezo de todo foi a explosión primixenia, a inauguración das luces en San Marcos pareceu ter similar función, colapsando o Psoe ata os cementos, deixando descolocado ao BNG, e alertando ao PP de que todo pode ser posible. Como medida hixiénico-política, PP e BNG, póñense de acordo para reprobar a Tomé —polo de agora presunto— co PSOE lambendo as feridas, mantendo o tipo.

E nestas, que un xulgado decide que non vai proceder contra o ex conselleiro Villares porque non atopa razóns para encausalo pola acusación que lle custou a Consellería. A reprobación de Tomé prodúcese cando o caso non fai máis que comezar, entendéndose que é pola vertente puramente política.

En tempo de luces, haxa luz para todo o público, como simboliza o alarde lumínico institucional; e que cada gobernante teña luz propia, que lle axude a camiñar sen que outro sinal o deslumbre. Feliz difícil ano 2026!