Detidos catro integrantes dunha organización criminal dedicada á venda de drogas na provincia de Lugo
LUGO
Tres deles foron enviados a prisión. A Garda Civil sostén que usaban compartimentos secretos en vehículos para esconder os estupefacientes e que tiñan unha estratexia moi ben planificada
09 dic 2025 . Actualizado á 13:09 h.A Garda Civil detivo aos integrantes dunha organización que presuntamente distribuía substancias estupefacientes en varias localidades da provincia de Lugo, segundo informou o corpo a través dun comunicado este martes. A operación iniciouse o ano pasado tras detectar «un incremento da venda a pequena e mediana escala» en municipios da Mariña.
Durante a investigación, os axentes constataron que os dous principais distribuidores trasladaban a droga «desde o seu lugar de orixe ata a localidade de Vilalba», onde contaban cunha base de operacións desde a cal abastecían a outros vendedores de menor escala repartidos pola provincia. Para dificultar o labor policial, os sospeitosos adoptaban medidas de seguridade nos seus desprazamentos, entre elas «a utilización de vehículos lanzadeira, rutas aleatorias e encontros en lugares abertos e doados de controlar», ademais de continuas contravigilancias.
Os vehículos empregados pola organización dispuñan de compartimentos ocultos para o transporte da droga, o que complicaba a súa localización en caso de rexistro rutineiro. En Vilalba procedeuse á detención de dúas persoas, de 35 e 46 anos, a quen se lles un quilo e medio de cocaína, dous vehículos de alta gama, diñeiro en efectivo e diversos utensilios para a preparación e envasado da droga.
Posteriormente, o pasado día 4, foron detidos outros dous veciños de Viveiro, de 39 e 45 anos, que supostamente abastecían de substancias estupefacientes a varias localidades da Mariña. Tras estas detencións, realizáronse dous rexistros domiciliarios nos que se incautaron 120 gramos de suposta cocaína, 74 gramos de marihuana, 1.200 gramos de haxix, material de corte, útiles de pesada e envasado, así como diñeiro en efectivo.
Os detidos foron postos ao dispor xudicial, que decretou o ingreso en prisión para tres deles.