José Cuba e o Clube de Loita Vilalba pulsarán o botón que conectará a iluminación
01 dic 2025 . Actualizado á 19:57 h.Vilalba prepara un variado programa de actos para este venres, día elixido para o aceso das luces de Nadal. José Cuba, que ten unha ampla e exitosa traxectoria como campión de loita, e o Clube de Loita Vilalba, serán os encargados de pulsar o botón co que o aluimbrado empezará a iluminar a capital chairega.
Para ese acto, previsto para as sete da tarde na praza da Constitución, elixiuse a Cuba e ao club local pola súa longa traxectoria, na que os triunfos van acompañados da promoción que se lle dá a Vilalba. «É unha honra que o noso Nadal comece da man dun deportistas máis destacados da historia do municipio», dixo a alcaldesa, Marta Rouco, que encomiou ao club de loita como exemplo de «esforzo, disciplina e orgullo vilalbés».
O venres, ademais do comezo da iluminación do Nadal, haberá tamén unha actuación, a de Carolina Rubirosa, que actúa como xurado no programa da TVG «A liga dos cantantes extraordinarios». A fin de semana terá outros alicientes na capital chairega, xa que o sábado empezará o Mercado de Nadal, unha novidade na programación do Concello para próximas semanas: o primeiro día estará aberto de dez da mañá a dúas da tarde e de cinco da tarde a oito e media da noite, e o domingo, de once da mañá a dúas da tarde e de cinco da tarde a oito e media da noite.