O técnico do Breogán alerta do perigo do San Pablo Burgos
20 nov 2025 . Actualizado á 20:14 h.Máxima confianza e certa euforia é a que se respira no breoganismo de cara ao partido que o equipo de Luis Casimiro disputará este sábado (21.00 horas) no Pazo ante o San Pablo Burgos, rival directo pola permanencia e que tan só suma unha vitoria na competición.
O técnico breoganista escapa desta cuestión e envía unha mensaxe moi clara. «É un equipo que está a xogar moi ben ao baloncesto. Os amantes das estatísticas deben de saber que é o equipo que xoga con máis posesións da liga. Ese detalle xa di bastante deles. Temos que ter moitísimo respecto polo San Pablo Burgos, sería un erro fixarnos só na clasificación», comentou o preparador del Río Breogán, que engadiu que os casteláns poderían contar no seu haber con dúas vitorias máis.
Luis Casimiro afirmou que San Pablo Burgos «xoga un bo baloncesto e cada vez compite mellor». Non esquece que lle puxo as cousas moi complicadas a Tenerife a domicilio.
Á hora de analizar as claves para conseguir a vitoria, o técnico del Río Breogán deixou claro que pouco terá que ver co que necesitaron ante Ucam Murcia. «Ten un sistema defensivo diferente ao de Murcia. Cada partido é un mundo diferente, seguramente intentarán pararnos máis arriba para non deixarnos chegar tan preto do aro», asegurou Casimiro, para quen será fundamental estar ben «en defensa, no rebote e no ritmo».
O técnico eloxiou o traballo do seu homólogo do San Pablo Burgos, o brasileiro Bruno Savignani. «Sígoo desde que chegou ao Betis. Nese momento parecíame que estaba con outro ritmo de baloncesto, pero a súa evolución foi impresionante. Esa mesma tempada xa avanzou moitísimo, creo que interpreta moi ben a competición na que está. É un adestrador que evolucionou moito, ademais de que ten as ideas moi claras», indicou
Luis Casimiro tamén analizou a traxectoria do seu equipo, aínda que recoñeceu que non se atrevía a comentar en que punto están. «Está claro que evolucionamos desde que arrincou a tempada, pero me gustaría pensar que temos o teito moito máis alto, que aínda non tocamos teito. Por iso, temos que seguir traballando coa ambición de mellorar en cada adestramento. Esa é a clave», destacou o técnico.
O adestrador do Breogán apelou en tres ocasións na comparecencia de prensa para falar da previa do choque ante Burgos á «concentración». E aí fixo fincapé en centrarse nos pequenos detalles, «que marcan que poidamos ser efectivos e conseguir unha boa defensa e un bo ataque, ademais de darnos esa solidez para afrontar os minutos de xogo».
O técnico entende o «ruxerruxe» do breoganismo sobre a importancia deste duelo na véspera do parón que vivirá a competición polos compromisos das seleccións, pero dixo que iso é «un erro» porque «aquí todos os partidos son importantes».
«Temos que estar centrados en cada segundo do partido que está a pasar, esa é a clave. Haberá xogadores coa cabeza no equipo nacional e outros pensando en que podemos ter días libres, pero iso é un erro. Hai que pensar coma se este partido fose o último», concluíu.