Elba Garfella, xogadora do Ensino: «Estou moi contenta porque sento que a nivel físico dei un pasito máis»

Millán Gómez LUGO / LA VOZ

LUGO

REBECA FERNANDEZ

A á-pivote anotou 10 puntos na primeira vitoria do Ensino nesta Liga

15 oct 2025 . Actualizado á 20:00 h.

Elba Garfella Béjar (Manises, 2003) cumpre a súa segunda tempada no Durán Maquinaria Ensino Lugo, que gañou ao CAB Estepona na segunda xornada da liga Endesa sumando a súa primeira vitoria. A ex do Valencia Basket achegou 10 puntos, 3 asistencias, 2 recuperacións, 2 rebotes e 1 tapón cun +9 con ela en pita. Á-pivote que xogou tamén na posición de "cinco" durante algúns momentos no triunfo contra o Estepona. Unha interior versátil, con efectividade ao poste, con rápido tiro exterior e á que lle gusta axudar subindo o balón ata campo ofensivo.

- Que sensacións tivo no partido contra o Estepona?

 - As miñas sensacións foron bastante boas a nivel colectivo e individual porque, a pesar de que tivemos bastantes altibaixos e momentos críticos, soubemos sobrepornos e gañamos conxuntamente, gañamos como equipo. Traballamos unha chea a vitoria.

 - Como se atopou nas rotacións sen "cinco" pura, é dicir, en "small ball"?

 - Obviamente con Lydia (GIomi) enténdome súpers ben, xogo moi cómoda con ela. Agora estamos a intentar conectarnos entre o resto das pivotes. Xa hai conexións con exteriores. Entón, agora temos que intentar que esa mesma conexión que eu teño con Lydia tamén tela co resto das pivotes. Sentinme súpers cómoda co resto, non tiven problema, sentinme bastante solta e entendinme bastante ben con todas.

 - A vostede gústalle moito subir o balón. No último partido incluso máis. É unha decisión súa ou unha directriz de Suso Garrido? Entendo que é para descargar un pouco ás bases.

 - Exacto (sorrí). É unha forma de quitarlles un pouco de peso a elas porque ás bases lles adoitan presionar bastante e tamén é unha forma nosa de iniciar as transicións. É outro recurso que temos. Pode subir o balón a base, pódoo subir eu ou a outra pivote. Persoalmente gústame iniciar as transicións así porque dá moitas variantes.

 - Tamén percibo que está a asumir máis responsabilidade. O feito de ser unha das tres xogadoras que continúan provoca que suba un banzo no seu rol?

 - Si. Cando renovei fun consciente de que ía ser así. Xurdiu dunha forma natural, non sento que fose nada imposto, senón que ocorreu a medida que eu me fun atopando máis cómoda. Estou moi cómoda con este rol. 

 - A miña sensación é que gañou músculo. É así?

 - Si, si (sorrí). Eu xa sabía que ía ser un verán de traballar o aspecto físico porque nunca tivera tanto tempo para traballar no meu físico porque ía coa selección. Foi, en parte, por unha mala situación porque me lesionei e porque o necesitaba, pero deume un puntiño máis de poder estar centrada exclusivamente en cuestións do baloncesto e non en dores, lesións ou rehabilitación. Estou moi contenta porque sento que a nivel físico dei un pasito máis. 

 - Como era un día de Elba Garfella no verán?

 - Non toquei un balón ata xullo porque non podía porque o primeiro era protexer os meus xeonllos, porme forte e crear unha base de forza no meu físico e, a partir de aí, ir traballando todo o que son saltos, desprazamentos laterais, freadas, etcétera. E, unha vez conseguín esa base de forza, xa me deixaron entrar aos poucos en pista co meu adestrador, Javi Vilaplana, e fun combinando un pouco todo. A miña rutina era que ía antes ao ximnasio se facía pista. A final de verán xa fixen algunha dobre sesión. Atopei o balance perfecto entre traballar e desconectar. O meu verán foi moi moi ben. 

 - Botou de menos o 3x3?

 - Si, moito. É que me gusta moito! Botei de menos esa competición, estiven todo o verán sen competir. Boteino bastante en falta porque no verán adoito ir xogar no Circuíto Herbalife de 3x3. 

 - Que ensinoulle o 3x3 e aplícao no 5x5?

 - O xogar dinámico, o non pararte, o que un erro non pode lastrarche porque enseguida tes que cambiar o chip porque defendes, ser rápida de mente, cambiar o chip e que os erros non lastren moito.

 - Na posición de pivote chegou unha nova compañeira este verán, que é Hennie van Schaik, que xoga ao catro e ao cinco. Que destaca dela? 

 - Está a intentarse adaptar e non é doado porque isto é moi diferente con respecto a onde vén. Está a pór todo da súa parte para entender as cousas, adaptarse, por coñecer ás súas compañeiras, ten moita predisposición. A nivel de xogo, é súpers polivalente, pode tirar e ten moi bos movementos dentro da pintura. Aínda non se viu todo o que pode facer, pero pódeo facer moi, moi ben.

 - Maimouna Haidara xoga de á-pivote e de alera. Foi a súa compañeira hai dúas tempadas no Celta. Xa sente que vostede ten esas asociacións con ela?

 - Si, a Hai téñolle moitísimo cariño. Paréceme incrible como xogadora. Ten unha potencia, un físico! Cada vez está a mellorar máis nas lecturas, está a adaptarse cada vez máis ao noso xogo, está a intentar tamén conectarse coas outras pivotes e enténdome moi ben con Hai.

 - Como é agora ter sempre a Suso Garrido como primeiro adestrador?

 - Moi ben! Estou súpers cómoda, estou moi contenta con el, está a darnos a confianza para facer as cousas e tamén nos dá solucións cando cometemos erros. Está a levalo moi ben, a xestión de grupo está a facela moi ben. 

 - Como é Diego Fernández López como segundo adestrador?

 - Sorprendeume para ben. Está a facer moi ben o seu papel, axúdanos unha chea en tecnificacións, en detalles que se cadra Suso non pode atender porque ten que estar pendente doutros aspectos tácticos. Entón, vén Diego e diche: "Elba, atenta a isto". Está a sumar unha chea e gústame unha chea. Está a axudar en sesións individuais, tiro extras, correccións de detalles e está súpers pendente. Está a axudarme unha chea.

 - Bota moito de menos a Laia Lamana?

 - Si! Xa a coñeces. Quéroa moito, é moi amiga miña, pero tamén me alegro moitísimo porque sei que lle vai ben, díxome que está súpers contenta e que está feliz. 

 - Alicia Flórez está cedida polo Valencia Basket, onde vostede se formou. Axúdalle especialmente? Identifícase especialmente con Alicia?

 - Si. Vivo con ela e entendinme súpers ben. Intento axudar a Alicia e a todas as novas, especialmente ás bases porque a posición de base no sistema de Suso (Garrido) é unha posición complicada e hai moitas cuestións. Teñen todas moita predisposición e todas queren achegar.

 - Alicia Flórez, sendo unha base-escolta, ten xogadas ao poste e na pintura que son típicas dunha pivote. Chámalle a atención?

 - Si! É súpers polivalente, pode facer o que queira. É unha pasada o físico que ten, a lectura de xogo que ten e a madurez que se lle ve en pista, esa seguridade coa que vai ás xogadas. A min encántame.

 - Vostede vive preto do centro de Lugo desde que fichou en 2024. Axúdalle no seu día a día?

 - Lugo encántame. O centro é a miña parte favorita. Agora estamos un pouquiño máis lonxe do centro porque nos cambiamos de piso, pero seguimos estando preto e sempre que podemos achegámonos. Ás novas xa lles ensinei todo o centro, todos os sitios onde temos que ir (sorrí) e ireilles ensinando máis durante a tempada.

 - Como foi a súa renovación o verán pasado?

 - Houbo un pouco de tolemia pola saída de Antonio (Pernas). Informáronme da situación. Tamén teño aquí en Lugo o colexio para facer as prácticas da universidade. Xuntouse un pouco todo. Tamén quería quedar porque sentía que pola lesión non puidera dalo todo, sobre todo no último tramo da tempada, e tiña unha espinita cravada. Xuntáronse varias cousas. Confiei en Suso (Garrido), falei con el, explicoume todo e encantoume. Quería volver. Lugo encántame e estaba súpers feliz aquí a tempada pasada. Tampouco foi unha decisión difícil.

 - Que aspectos do xogo traballou este verán desde que puido empezar a tocar balón en xullo?

 - Foi ir atopándome a nivel de sensacións, traballei unha chea o tiro, traballei situacións de poste, tamén situacións de cara ao aro, que é algo que quero implementar no meu xogo e quero mellorar moito as finalizacións con contacto. Traballeinas no verán e tamén agora con Diego (Fernández López). Tiven tempo para planificar, tiña tempo dabondo, non había présas, non me doía o xeonllo e foi moi levadío.

 - Vostede sempre tivo un lanzamento de tres puntos moi rápido, máis propio dunha alera  e non dunha á-pivote como vostede. Vostede é especialista no "catch and shoot". Trabállao moito ou é natural?

 - Eu creo que un pouco as dúas cousas (sorrí). Sempre me lembro con ese tiro, teño rango de tiro e nas últimas tempadas mellorei en ter os pés preparados para tirar cando xa teño o balón. Xa o traballei no Celta. Teño esa rapidez, o tiro dáseme ben e fun perfeccionándoo cos anos. Aínda teño bastante que mellorar en porcentaxes e en tiros en movemento, e non só no "catch and shoot". Estamos niso (ri).

 - A afección do Ensino é pouca, pero fiel e ruidosa. Comparte a miña sensación?

 - Si, penso o mesmo. Sento que cada vez vén máis xente. E son ruidosos. A min gústame moito xogar no Pazo, oxalá se vaia enchendo máis e coas iniciativas que ten o club creo que o van a conseguir. Encántame xogar no Pazo (sorrí).

 - Como é o novo autobús do Ensino?

 - Está moi ben (sorrí).  Foi un salto de calidade bastante grande. O club deu un pasito máis con este bus e estamos moi contentas. Así iremos a Leganés.

 - Miró no calendario cando vai xogar no Roig Area?

 - Si, si! Teño moitísimas ganas de ir. É en abril. Xa no verán vino por fóra e impresiona. Creo que cando vaiamos alí vou a flipar! Xa estiven vendo vídeos. 

 - Aínda non estivo dentro?

 - Non, dentro non.

 - Como lembra a súa etapa no Valencia Basket?

 - Moi ben. Teño moita sorte da formación que tiven. Tamén tiven a sorte da creación de L´Alqueria, puiden gozar e puiden xogar partidos alí. Tamén me axudou o poder subir ao primeiro equipo, tanto en pretemporadas como nalgún partido oficial. Lémbroo con moito cariño.

 - Como lembra o seu debut? Xogou tres partidos na liga Endesa 2021-2022. Ademais, anotou unha canastra lateral no seu debut. 

 - Si, co pase de Celeste Trahan-Davis! (sorrí). Wow, foi un soño! Xa levaba tempo con ganas de debutar. Xa fora uns anos para facer a pretemporada. Estaba ansiosa por debutar. Chamáronme no momento perfecto porque non estaba nada nerviosa, só tiña ilusión e ganas. Goceino unha chea.

 - Quen lle axudou máis?

 - Celeste (Trahan-Davis), Raquel (Carrera) tamén axudou bastante. En xeral, as pivotes, as da miña posición. 

 - Sei que en quen máis se fixaba vostede era en Laura Gil, verdade?

 - Si (sorrí), paréceme unha jugadoraza e axudoume unha chea. Acórdome que subín un verán e non me chamaron ata uns meses máis tarde e, nada máis verme, preguntoume por unha conversación que tiveramos no verán. Axudábame dentro de pista e fóra era moi próxima. Iso sorprendeume moito.

 - Vostede foi campioa de Europa sub-20 en 2022 realizando a preparación en Viveiro e en Lugo capital. Como lembra ese verán?

 - Si, foi a primeira vez que vin a Galicia. Foi un verán idílico, paseimo incrible, o grupo que fixemos estaba moi ben e o resultado foi espectacular. Eu estiven súpers ben co staff que tiñamos, no que estaban Rubén (Burgos), Raquel (Romo) e Javi (Torralba). 

 - Que compañeiras lle chamaban máis a atención naquel momento?

 - Claudia (Contell), Mama (Dembele) e Noa Morro, que o fixo moi ben. Tamén estaban Laia Lamana e Júlia Rueda. Tiven máis experiencias coa xeración de 2002 que coa do 2003.