A melloría do Breogán non impediu a súa derrota ante o Valencia Basket

LUIS CONDE LUGO / LA VOZ

LUGO

Manuel Guede Lamas

Os locais comezaron ben, pero non puideron evitar a reacción visitante

12 oct 2025 . Actualizado á 20:52 h.

O Valencia Basket demostrou por que é o equipo máis en forma da liga ACB. O cadro que prepara Pedro Martínez asaltou con contundencia o Pazo e impúxose a un Breogán, que mellorou con respecto ao partido que disputou ante o Lleida a semana pasada.

O cadro levantino, que arrincou errático e que se viu superado por un gran Breogán no primeiro cuarto, deulle a volta ao choque nun segundo cuarto para enmarcar. Os discípulos de Pedro Martínez foron moi efectivos desde a liña de 6.75 metros, e, precisamente, esa faceta foi a que lle permitiu non só reaccionar, senón conseguir un rexistro de 113 puntos, algo que agora mesmo poucos equipos en Europa están en disposición de facer sen xogar ningunha prórroga.

Hai que destacar que a pesar do nivel de esixencia dos visitantes, os xogadores de Luis Casimiro en ningún momento baixaron os brazos e estiveron ata o último cuarto loitando por achegarse no marcador. Intentárono, pero non puideron.

A posta en escena del Río Breogán foi espectacular. Os lucenses disparáronse no luminoso a base de canastras triplas, circuntancia que unida á súa excelsa defensa, permitiron dispararse cunha vantaxe de dez puntos.

Neste primeiro cuarto, os xogadores do Breogán anotaron a nada despreciable cifra de diete triplos dun total de once intentos. Así, esta primeira entrega concluíu cunha vantaxe de sete puntos (27-20), o que, sen dúbida, espoleó a unha afección que se mostrou totalmente entregada ao equipo de Luis Casimiro.

O segundo cuarto arrincou do mesmo xeito, cun Breogán dominando todas as facetas do xogo ante un Valencia Basket que lle custaba entrar no partido. O cadro lucense chegou a contar neste tramo de partido cunha vantaxe de 15 puntos (41-26).

Desde o banco, o técnico taronja, Pedro Martínez, buscaba solucións. E a partir dun tempo morto, o Valencia Basket reaccionou e colocouse a tan só nove puntos dos locais, circunstancia que motivou que Luis Casimiro parase o partido.

Pero non produciu efecto, e o cadro levantino grazas a catro triplos consecutivos e un parcial de 0-12 colocouse a tan só tres puntos dos breoganistas. E a partir de aí, o Valencia Basket comezou a ofrecer a súa mellor versión, destacando tanto no lanzamento exterior como en velocidade.

E esta efectividade no lanzamento de longa distancia —oito triplos de once intentos— permitiu aos levantinos darlle a volta ao luminoso. E ao descanso chegouse con 47-54. O Breo comezou ben, pero viuse superado no segundo cuarto.

Regresou activo o Breo tras o paso polos vestiarios, e a pesar de que os visitantes cun triplo de Pradilla fóronse aos dez puntos, outro do breoganista Cook máis unha excelente acción de Sakho colocaron aos locais a tan só seis puntos do cadro visitante (53-59).

Pero ao verse presionados, os xogadores de Pedro Martínez aceleraron e a base de triplos levaron o marcador ao final do terceiro cuarto a un 74-84. Aínda había esperanza, e o Breo non baixou os brazos, pero o talento taronja foi suficiente para que a pesar de anotar 90 puntos, os locais quedasen sen vitoria.

As estatísticas pódense consultar na seguinte ligazón: https://www.acb.com/partido/estadisticas/id/104474

As sensacións do Breo non foron malas. Tocará seguir traballando para gañar.