Nace unha nova compañía teatral en Lugo: «Queremos que o público saia do teatro con máis preguntas das que tiñan ao entrar»
LUGO

Andrea Maseda, socia da cooperativa Vórtice, actriz e co-xestora de Bengala Teatro Físico, fala deste grupo, que debutou con «En carne viva» e bota man do teatro físico para interpelar ao espectador e buscar a reflexión sobre temas que remexen
16 sep 2025 . Actualizado a las 11:41 h.Investigar as problemáticas sociais actuais e fomentar o espírito reflexivo e crítico do espectador son algúns dos obxectivos da nova compañía teatral lucense Bengala Teatro Físico, que tivo o seu debut este ano no Auditorio Municipal Fuxan os Ventos con seu primeiro traballo, En carne viva. A actriz Andrea Maseda e a directora e dramaturga An González son as socias da cooperativa Vórtice, cuxa principal actividade é a compañía de teatro Bengala, da que ambas son co-xestoras.
Parten coa idea de buscar un espazo no que reflexionar e co obxectivo de lograr que a xente nova regrese ás salas teatrais. Cunha equipa de artistas multidisciplinares e cunha primeira proposta escénica que pon o foco en realidades do noso presente como a disforia de xénero ou o suicido, Bengala Teatro Físico encara esta nova tempada cargada de proxectos e ilusións.
—Como nace esta compañía de teatro?
—An González e eu coñecémonos na Aula de Teatro da Universidade da USC en Lugo, onde ela era directora e eu unha das alumnas. Despois de tres anos creando obras de teatro físico neste circuíto, decidimos crear a nosa propia compañía de teatro profesional, coa firme convicción de que o teatro é unha ferramenta marabillosa para a reflexión e a transformación social. Por iso en Bengala creamos dende unha mirada reflexiva, intentando dar luz, preguntándonos sempre «de que se precisa falar agora», non «de que nos gusta falar», co obxectivo de poder trasladar historias ao público que o remexan e atravesen, interpelando directamente ao público, para conseguir que saian do teatro con máis preguntas das que tiñan ao entrar.
—Son todas mulleres?
—Si, tanto na dirección como no elenco de Bengala só estamos mulleres, un grupo moi multidisciplinar no que conflúen o mundo do teatro, do audiovisual, da danza, da música... Unha linguaxe plural na que combinamos diferentes artes vivas a través dun proceso creativo no que prima a investigación e a creación colectiva.
—Preséntanse como grupo de «teatro físico». En que consiste?
—No teatro físico o texto mestúrase co movemento nunha sinerxía constante. O corpo é unha ferramenta máis para explorar e expresar emocións dentro da escena, integrado dentro da dramaturxia da obra. Neste sentido, corpo e texto non son partes separadas, todo movemento ten un sentido dramatúrxico profundo e potente, non é un simple acompañamento. Isto dá lugar a un espectáculo máis dinámico e fresco, cunha obra máis diversa, con texto, movemento, proxeccións...
Un dos nosos obxectivos como compañía é recuperar á xente moza como público de teatro, e cremos que estes novos códigos e temáticas que os interpelan directamente facilitan espertar o seu interese para ocupar estes espazos.

—Que tema tratan na peza «En carne viva»?
—Como compañía gústanos dicir que somos «paridoras» de preguntas e, no caso de En carne viva, plantexamos ao público a cuestión de «ata onde podemos oprimir a un ser humano para que faga o innomeable». Neste sentido, na obra conflúen varios mundos e varias historias sobre personaxes que tratan de sobrevivir nunha sociedade cada vez máis convulsa e deshumanizada, e que nos fan reflexionar sobre disforia de xénero, a frustración, o amor e o suicidio. Sempre partimos da mirada da pregunta, nunca da resposta.
—Que tal foi o debut?
—Debutamos este ano «na casa», co patio de butacas do Fuxan os Ventos practicamente completo, así que foi unha estrea moi calorosa. Isto deunos moita forza e alento para seguir adiante con todo o traballo que hai detrás da compañía, tanto dende a parte artística como de xestión, porque os principios son complexos.
—Cales son as próximas funcións e proxectos nos que están traballando?
—Coa obra En carne viva estaremos para o público xeral o 24 de outubro en Burela e o 23 de novembro en Sarria. Ademais, estaremos en Lugo, o 22 de outubro, nun pase para institutos, un proxecto educativo-artístico máis global co Concello de Lugo. Nunha fórmula similar a esta tamén estaremos en tres espazos da provincia da Coruña, da man da área de Igualdade da Deputación da Coruña. Nas nosas redes sociais —e proximamente web— os interesados poden estar actualizados de próximas novas.
De cara ao ano que vén, no 2026 estrearemos Alicia wants to, un espectáculo sobre centros de menores e exclusión social, do que se poderá ver un fragmento a modo de teaser este mes de outubro, o día 25, no FIOT de Carballo, e na última fin de semana de novembro no Culturgal en Pontevedra.