Nestes días de calor Lugo sofre a abafante sensación de afogo nas horas centrais do día, que convida —a veciños e turistas— a procurar a fresca. E poida que un dos mellores sitios sexa un dos nosos edificios históricos, desa pedra que preserva da calor. Velaí pois unha excusa, aínda que non fixese falta, para adentrarse no noso museo e descubrir nel estes días a exposición Rosalía: proclamar ao mundo que Galiza existe.
Vida, contexto histórico e produción literaria artellan a exposición, que pon en valor a figura de Rosalía e a súa obra, cun foco esencial no seu compromiso e no que representa para Galicia. Este ano no que se conmemoran os 75 anos da morte de Castelao, debe ser tamén un ano Rosalía —todos o son—. A pegada da cantora do Sar na cidade de Lugo está aínda por explorar en profundidade ou, cando menos, por difundir. Así como a Casa de Matanza, a vila de Padrón e a cidade de Santiago teñen ben presente a pegada rosaliá, moita xente transita por Lugo, por diante da casa que albergou a imprenta Soto Freire, descoñecendo a relación desta coa nosa poeta fundacional, ignorando que editou Las literaturas. Carta a Eduarda ou El caballero de las botas azules, ou o acontecido no ano 1964 coa paralización da publicación do Codio, artigo que ía ver a luz en Lugo e que segue sendo, a día de hoxe, un deses textos perdidos dos que tería un inmenso valor atopar unha copia.
A sede da imprenta Soto Freire foi un dos puntos do roteiro co que o alumnado do IES Ánxel Fole conmemorou este ano o día de Rosalía, explorando tamén unha pegada diferente e actual: a dos numerosos murais ou monumentos conmemorativos que fan presente a Rosalía na nosa xeografía urbana. Inscribir a nosa memoria literaria no espazo urbano é un xeito de preservala e compartila. Tamén de transmitila aos máis novos. E agora, no museo, hai unha nova cita perfecta para un encontro interxeneracional.