José Tomé sobre o Consello da Xunta en Lugo: «Viñeron facer turismo, porque do resto non contaron nada novo»

Suso Varela Pérez
Suso Varela LUGO / LA VOZ

LUGO

José Tomé valoró la reunión del Consello da Xunta celebrado en Lugo
José Tomé valorou a reunión do Consello da Xunta celebrado en Lugo Óscar Cela

O líder dos socialistas lucenses sinala que o que anunciou o goberno galego son «débedas históricas ou proxectos xa anunciados e sen concrecións orzamentarias», e expuxo varias preguntas ao presidente Rueda

13 may 2025 . Actualizado á 20:42 h.

O reelixido secretario xeral do PSdeG en Lugo e presidente da Deputación, José Tomé cualificou os anuncios da Xunta tras o consello de goberno celebrado en Lugo de decepcionantes «porque non contaron nada novo e evidenciaron unha falta de compromiso con Lugo e a provincia».

Tomé lamentou que non se anunciase ningún proxecto novo, e sobre os que expuxo o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, «algúns son débedas históricas e outros presentáronse sen previsións de orzamentos reais». O líder dos socialistas lucenses cualificou a viaxe do presidente Rueda e dos conselleiros «de turismo de foto na Muralla, porque non deron resposta ás necesidades dos lucenses».

Tomé fixo varias preguntas no alto para que desde o goberno galego respondan. «Por que non dixeron nada da variante de Viveiro? Xa se esqueceron do que falaban na moción de censura, de que era necesaria». Outra pregunta á Xunta: «Que pasa coa estrada do Courel, que se derrubou hai tres anos e nin teñen o proxecto?». A terceira pregunta: «Que pasa co acceso ao Porto Seco de Monforte? Falan de reindustrialización e teñen sen comunicar un nó loxístico coa N-120».

Cuarta pregunta de Tomé: «E sabemos algo da Rolda Leste? Porque nas eleccións dixeron que iban a investir seis millóns cando sabía que era imposible». Tamén sobre infraestruturas, o presidente provincial preguntou á Xunta que pasa co desdobramento do corredor de Sarria e a súa prolongación cara a Monforte: «Supoño que non quererán esquecerse da conexión cara o sur dos concellos máis poboados, Lugo, Sarria e Monforte». E a sexta pregunta foi sobre sanidade: «Acaba de haber protestas en Burela e en Monforte e no rural faltan pediatras e médicos, pero diso non falou nada o señor Rueda».

Tomé lamentou que da reunión cordial que tivo hai un ano co presidente da Xunta «non hai nada en marcha, cando falamos os dous de necesidades das que estábamos de acordo».