Friol aproba un presuposto de 5,3 millóns de euros, con case un 20% para educación e deporte
LUGO

O acondicionamento do edificio para escola infantil recibe unha partida de 184.000 euros
27 mar 2025 . Actualizado á 16:27 h.O Concello de Friol terá este ano un presuposto de 5,3 millóns de euros. Case a quinta parte desa cifra (exactamente, 1.040.983 euros) dedícase a asuntos relacionados coa educación, coa cultura e co deporte. Doutra banda, entre os investimentos, que supoñen un total de 1,2 millóns, hai actuacións variadas: entre elas figura o acondicionamento interior do edificio da futura escola infantil, que recibe 184.000 euros. O presuposto deste ano supón un aumento fronte ao do 2024 (foi de 5,2 millóns), que á súa vez xa superara o do 2023 (4,2 millóns).
En asuntos de educación, de cultura e de deporte figuran aspectos tan variados como a festa da terceira idade, a festa de recreación histórica Friulio ou a Feira do Queixo de Friol e do Pan de Ousá, así como as necesidades do colexio local, do Punto de Atención á Infancia ou do programa de conciliación familiar Madrugadores. Unha porcentaxe similar a estes asuntos, ao redor do 20% do presuposto, é o que reciben os servizos sociais: o servizo de atención temperá (que abarca tamén Palas de Rei, Guntín, Begonte e Rábade) e o de axuda a domicilio entran nese capítulo.
Polo que explicou este xoves o alcalde, José Ángel Santos, no apartado investidor inclúense cuestións de infraestruturas (case 59.000 euros para a reforma do local social da parroquia de Carballo ou 364.000 para melloras na rede viaria local, por exemplo), ademais de medidas que se están preto do ámbito da educación: os 184.000 euros consignados para o acondicionamento da escola infantil, que se creará reformando o actual PAI, responden a ese perfil. Por outra banda, para o Grupo de Emerxencias Supramunicipais (GES) destínanse 168.000 euros.
Cos cálculos efectuados por Santos, non se descarta que o presuposto acabe achegándose finalmente aos seis millóns de euros. A explicación está en que no 2024 elaborouse un presuposto de 5,2 millóns que logo, con modificacións, elevouse a 5,8. De repetirse a tendencia en próximos meses, o presuposto friolés chegará a case seis millóns de euros.