O Racing Vilalbés consuma o seu descenso en Pasarón

LUIS CONDE LUGO / LA VOZ

LUGO

Martina Miser

05 may 2024 . Actualizado ás 22:26 h.

Acabouse a aventura do Racing Vilalbés na Segunda Federación. A presenza da escuadra chairega nesta categoría só durou unha tempada. O equipo de Simón Lamas consumou o seu descenso este domingo ao mediodía no campo de Pasarón. Neste escenario, os chairegos sucumbiron pola mínima (1-0), un resultado que os devolve á Terceira Federación.

Os futbolistas do Racing Vilalbés, que estiveron arroupados por un bo número de afeccionados no estadio do cadro do Lérez, dérono todo, pero non puideron conseguir unha vitoria, que tampouco os salvou, xa que os resultados non os favoreceron.

Ninguén podía imaxinar que se consumase o adeus á categoría, xa que os discípulos de Simón Lamas certificaron unha primeira volta para soñar. Pero a irregularidade da segunda entrega da competición foi determinante para este descenso.

Futbolistas, adestradores e directivos agradeceron aos afeccionados o apoio que recibiron xa non só no partido ante o Pontevedra, senón durante toda a tempada.

A Sarriá xogará o play off de ascenso

A Sarriá disputará o play-off de ascenso á Segunda Federación. O equipo de Ribela sucumbiu ante o Viveiro no seu feudo, pero o feito de que o Atlético Arteixo tamén perdese o seu partido permite á Sarriá a súa clasificación.

É un fito histórico para o club de Ribela. E é que non hai que esquecer que logra este pasaporte na súa primeira campaña en Terceira.