A fundación santiaguesa inaugura unha mostra con obras do artista lucense
31 ene 2024 . Actualizado á 19:00 h.Os ecos da obra de Paco Pestana (Castroverde, 1949-Lugo, 2021) seguen vixentes máis de dous anos despois do seu repentino falecemento. Unha boa mostra poderase comprobar desde este 1 de febreiro en Santiago, na Fundación Granell, onde se inaugura ás 20.00 horas a exposición titulada «Paco Pestana. Ou curto voo dun paspallás», e que está comisariada por Cristina Carballedo, e que se poderá visitar ata o 31 de marzo.
Esta exposición parte de revisitar o proxecto plástico e vital do artista Paco Pestana, a través dunha aposta expositiva que vira ao redor de obras, documentación e outros elementos do artista, e que se atopan en coleccións particulares.
Coa mostra inténtase demostrar a intensa personalidade deste artista «nun percorrido pola arte a través da amizade», como destacan desde a fundación, con sede na céntrica Praza do Toural de Santiago. «Non se trata dunha exposición antolóxica senón dun roteiro emocional por pezas de persoas que compartiron amizade, traballo, experiencias ou proxectos co artista», explican.
Os visitantes que acudan á exposición poderán ver un «un proxecto multidisciplinar que vai dende a grande contribución escultórica ata traballos noutros soportes que se completan cun apartado audiovisual onde o creador amosa parte do seu discurso plástico e mesmo a súa postura vital arredor da arte e de conceptos como a identidade e o territorio».
Desde a Fundación Granell, que xa editara libros do propio Paco Pestana, sinalan que a mostra que se inaugura hoxe «ten unha intención detonante, tentando reivindicar o traballo dun artista fundamental na plástica contemporánea galega que sentou conceptos que seguen funcionando como base de novas achegas ás xeracións actuais».
Vínculos entre artistas
As persoas que queiran achegarse á vida e á obra do artista lucense terán unha boa oportunidade con esta exposición de Santiago, e descubrir a un artista difícil de encaixar no panorama creativo galego e español, que transcendeu á súa propia obra. Deste xeito, a colección no espazo Fundación Eugenio Granell adquire un especial significado, xa que tanto o artista lucense como o coruñés tiveron punto en común a través da súa vea surrealista.
Pestana puido coñecer a Granell, que faleceu no 2001, xa que ademais da mutua admiración por identificarse co surrealismo, desde comezos do 2000 tiveron unha relación máis próxima grazas á exposición do creador lucense na súa fundación, e que levou por título A ronsel do delirio.