Un condutor de Chantada: «Rebentei a roda na N-540 e aos poucos minutos pasoulle o mesmo a outro»

Suso Varela Pérez
suso varela LUGO / LA VOZ

LUGO

Enormes baches en el arcén de la N-540 entre Chantada y Carballedo
Enormes fochancas na beiravía da N-540 entre Chantada e Carballedo ROI FERNÁNDEZ

Os usuarios desta estrada nacional entre Lugo e Ourense seguen queixándose polo mal estado do firme

23 ene 2024 . Actualizado á 16:27 h.

O pésimo estado de conservación no que se atopa a N-540, a estrada que une Lugo con Ourense, segue deixando un regueiro de persoas afectadas polas fochancas e os danos nos vehículos. Nas últimas semanas producíronse queixas polo incremento das fochas na vía e hai máis persoas afectadas por rebentóns de rodas, como puxeron de manifesto, por exemplo, os talleres de Chantada.

«Rebentei a roda e aos poucos minutos pasoulle o mesmo a outro condutor», explica un veciño de Chantada, que hai unha semana, cando estaba nun desprazamento de traballo, notou como unha roda do seu coche recibía un golpe, parando aos 300 metros nunha zona segura e comprobando a coitelada que tiña no pneumático.

O rebentón da roda produciuse por unha fochanca situada no quilómetro 44,5 da N-540, en Taboada, á altura de Vilela. «Chamei a Tráfico e tardaron un rato porque precisamene uns minutos antes pasoulle o mesmo a outro condutor moi cerca de onde rebentei eu a roda». A raíz deste incidente, Conservación de Estradas do Estado tapou a fochanca que causou o dano no vehículo.

Rueda reventada de un conductor que circulaba por la N-540 en Taboada
Roda rebentada dun condutor que circulaba pola N-540 en Taboada

«Tapan, pero dura pouco o parche porque volven a pasar vehículos e aos poucos meses volve a estar levantado o bache. Cando circulamos por esta estrada, ata o límite coa provincia de Ourense, onde a partir de aí está ben o firme, temos que ir sorteando baches, aínda que aparecen cada vez outros novos que non coñecemos», relata este veciño de Chantada afectado.

Nos últimos días, o BNG organizou unha concentración de protesta de veciños nun tramo da N-540 á altura de Chantada para queixarse. O seu deputado no Congreso, Néstor Rego, anunciou que pedirán ao Gobierno que actúe de forma urxente e adiante os prazos previstos para o arranxo da vía.

A adxudicación das obras de reforma integral da N-540, entre Lugo cidade e o límite provincial con Ourense, é inminente, pero no proxecto especifícanse 38 meses de execución (tres anos), empezando o groso das obras no 2025.

Estado del firme de la N-540 en el alto de Ramos, entre Chantada y Carballedo
Estado do firme da N-540 no alto de Ramos, entre Chantada e Carballedo ROI FERNÁNDEZ

Ademais, as queixas nas redes sociais dos usuarios da vía seguen crecendo. E aparecen novas imaxes de novas fochancas, como os que se poden apreciar no alto de Ramos, entre Chantada e Carballedo. O firme está deteriorado, pero tamén as beiravías, polo que se por un problema un condutor ten que saírse da trazada atópase con enormes fochas.