No verán: horto, praia e pintura

GLORIA GARCÍA VIVEIRO LUGO / LA VOZ

LUGO

O centro de educación especial Santa María realiza todos os anos unha ocioteca de verán. Nela practican actividades tan variadas como escalada ou piragüismo

17 jul 2019 . Actualizado ás 08:11 h.

A ocioteca de verán é unha alternativa pouco coñecida de lecer para nenos con diversidade funcional ou discapacidade. Este verán celebra 6 anos desde a súa creación e conta con 19 usuarios, de idades desde os 7 aos 23 anos, e con numerosos monitores e voluntarios que fan fronte ás súas necesidades. O principal obxectivo é axudar á conciliación familiar con media xornada de actividades cheas de orixinalidade.

Desde a ocioteca búscase que os usuarios se atopen ben en todo momento e gocen dunha mañá lecer. «Están aquí para divertirse, xa traballaron bastante durante todo o ano» explica o coordinador do proxecto, Diego Eiras. Ao mesmo tempo, a través do lecer e coa axuda dos monitores, inténtase traballar en que obteñan certa autonomía persoal centrándose no ámbito social e emocional, aprendendo a relacionarse e a xestionar as súas propias emocións.

Un problema de conciliación

A idea xurdiu por unha clara necesidade de conciliación familiar. No verán o concello ofertaba prazas para campamentos, pero moitas veces as familias non confiaban no cociente profesores, nenos. O coordinador da ocioteca explica «nos campamentos existen varias prazas para discapacitados e só 2 monitores para todos os nenos, pode ocorrer que aqueles que precisan dunha atención especial non resulten ben atendidos». Desde o AMPA do colexio pensaron que sería unha boa idea crear unha ocioteca para estes nenos, con monitores especializados no campo.

Anxo Martínez ten 18 anos e é o seu primeiro ano como usuario. Comenta que lle gusta todo o que fan alí, sobre todo tocar a guitarra co seu colega Pablo. Anímase con todas as actividades aínda que ás veces ten que vencer primeiro algún medo, «cando faga escalada ao principio é normal que teña medo pero todo é atreverse». Durante o curso recibe formación para traballar como xardineiro á vez que aprende normas sociais como cruzar a rúa o só. Pablo, sempre riseiro e locuaz, cóntanos outras das actividades que realizan «gozo cando baixamos ao horto ou cos talleres de música e as manualidades, agora estamos facendo un xornal con fotos e recordos de todo o que facemos aquí».

Durante estes veráns, a ocioteca atopou moitos obstáculos no seu camiño. Algunhas empresas comprometéronse a facer actividades para as que non estaban preparadas. «Fálannos de actividades inclusivas, pero non contan cos medios necesarios e polo tanto os rapaces non poden gozalas» explican os monitores. Con todo, desde a ocioteca contan como entidades como a Federación Galega de Montañismo, Autocares Cota ou a Escola Lucense de Piragüismo, si coñecen as súas necesidades e traballan por facer as súas actividades inclusivas.

Unha pequena familia

Entre os monitores búscase que teñan distintas habilidades para cubrir as diferentes necesidades dos usuarios, xente acougada, outra con vitalidade, outra metódica que poña pautas… O equipo confesa que se formou unha pequena familia entre monitores e nenos. É o caso de Cristina Ulloa ou Marta García que empezaron como voluntarias e gustoulles tanto a experiencia que continuaron como monitoras. Comentan a necesidade destas iniciativas, «ás veces teñen situacións complexas en casa ou na súa vida e dáselles a oportunidade de gozar dun verán en familia con actividades en grao sumo entretidas».

Desde a ocioteca denúnciase que aínda falta moito para falar de inclusión na sociedade. Son moitas as empresas que nunca traballaron con xente con diversidade. Por iso, trabállase nun proxecto futuro de inclusión social e laboral. O obxectivo é colaborar con diferentes entidades para que os usuarios realicen un voluntariado formativo, conseguindo experiencia social e laboral. Ademais, foméntase que as empresas vexan que a discapacidade non é a súa característica, e que posúen cualidades moi desenvolvidas para diferentes traballos.