Os dous equipos fixeron os seus deberes na última xornada do campionato
18 may 2026 . Actualizado á 20:12 h.Os equipos da zona sur da provincia que compiten nos grupos terceiro e cuarto da Primeira Futgal saíron ben parados da última xornada de liga. E é que tanto Taboada como Brollón lograron a permanencia, todo un éxito tendo en conta a súa traxectoria nas últimas xornadas de competición.
O Taboada tiña que gañar e agardar o resultado do partido entre o Lourenzá e o Castro. E ao final aliñáronse os astros. O conxunto da Medela que dirixe Andrés Fernández impúxose na casa ao Xove Lago nunha auténtica final e nun partido dramático. Moski anotou o gol do triunfo do Taboada, que a próxima tempada volverá competir na Primeira Futgal.
Ao final do partido, afeccionados, xogadores, técnicos e directivos exteriorizaron a súa alegría tras unha tempada moi irregular.
Pola súa banda, o Brollón nun partido moi serio dobregou a domicilio a todo un rival directo pola permanencia: A Purísima. O dianteiro soberino Isma foi un dos artífices dun triunfo que vale unha permanencia. O ariete anotou os dous goles do seu equipo, e o resultado foi de 1-2 a favor do conxunto que ata este domingo dirixiu Chura.
O Oural tamén materializou a súa permanencia ao superar a todo un Foz por 2-0. A afección abarrotou o campo Luis Pallín e foi clave para este importante e transcendental triunfo.
Sen nada en xogo
Polo que respecta ao resto de equipos da zona sur da provincia, non tiñan obxectivos en xogo. O Chantada Atlético con Ivi ao mando conquistou a permanencia a pasada xornada. Esta fin de semana, os chantadinos impuxéronse con claridade (0-2) á Milagrosa.
Pola súa banda, o Atlético Escairón, cuxos futbolistas están a pensar máis na semifinal da Copa Deputación ante o Ribadeo, impuxéronse a un Monterroso A, que tamén está centrado na fase de ascenso á Preferente.
O campión da competición ligueira, a SD Chantada, nun partido de puro trámite, logrou empatar en terras chairegas ante o Outeiro de Rei (1-1). O Ribadeo, que superou á Residencia, xogará a fase de ascenso.