Multitudinaria e sentida homenaxe a Charli no Salón do Libro de Pontevedra
TABOADA
O evento inaugurou un novo espazo que leva por nome o título dunha obra de Carlos Taboada, «A Biblioteca de Pedrarcana»
11 mar 2026 . Actualizado a las 10:27 h.Foi unha multitudinaria homenaxe a que este martes pola tarde dispensou o Salón do Libro de Pontevedra ao escritor e ilustrador Carlos Taboada, Charli, amigo e colaborador deste evento durante moitos anos como parte de Polo Correo do Vento, mais tamén como pai de Artai.
Marcelo Dobode e Antón KE, integrantes do Colectivo Xurelo, foron os encargados de abrir a velada ao son da canción Polo Correo do Vento, esa que di «viaxando polo correo do vento, vou voando, debuxando e aprendendo», para, acto seguido, dar paso ao edil Demetrio Gómez, quen fixo unha lembranza para «todas as persoas que fixeron e fan posible o Salón e depositan nel a súa ilusión e enerxía. Algunha delas, por desgraza, xa non están con nós. Lembramos a Mercedes Vázquez, a María Paz, a Marcos López, ao Hematocrítico... e, por suposto, a Carlos Taboada, Charli».
Neste sentido, o concelleiro de Cultura rememorou os comezos e o percorrido de Polo Correo do Vento no Salón, pero tamén a vinculación de Charli como pai, pois «estivo con nós, se non me falla a memoria, desde o Salón 12+1, canda Kike Mauricio, traendo contos, debuxos e cantos. Cada ano, el e Kike (e logo tamén Anton e Marcelo) espremían o maxín para facer novas historias adaptándose ao tema e ao noso país convidado. E a rapazada e mais nós gozábamos cada sesión de contos coma se fose a primeira. Pero Charli non só viña aquí a contar contos, tamén viña a lelos con Artai, cantas horas non terán pasado nestes coxíns esculcando as historias que os fixesen soñar xuntos, e con Joana para asistir a contacontos, concertos ou, simplemente, perderse nos mundos máxicos de cada recanto do salón».
É por elo que confesou que «se nos fixo moi difícil pensar en facer un novo Salón sen el, por iso decidimos dedicarlle o espazo máis querido do Salón, e poñerlle o nome da súa obra A Biblioteca de Pedrarcana, un canto de amor ao libro e á lectura. Comprometido, agarimoso, xeneroso. Así lembramos nós a Charli e así quedará súa imaxe, imborrable, neste salón para sempre», concluíu.
Pola súa banda, a muller de Carlos Taboada, Joana, non dubidou en salientar salientou a importancia dos libros na súa vida, xa que «Carlos fixo dos libros a súa vida. Para el eran casa, eran refuxio, eran xogo. Tiña unha profunda confianza na cultura feita con cariño, na creatividade compartida e na infancia como o lugar onde todo comeza. O libro Pedracarna, que lle dá nome a esta biblioteca —igual que O Caderno de Roque na súa dedicatoria— di: ‘á miña familia, por encherme a vida de libros’».
De igual xeito, aludiu a súa relación co Salón para expor que «foi durante moitos anos a súa casa. Aquí non só traballaba: aquí soñaba. Nos contacontos, mentres Kike poñía voz á historia e a música enchía o aire, el collía un lapis e, paso a paso, ensinaba ás nenas e aos nenos que un personaxe podía nacer das súas propias mans. Que debuxar non era saber, senón atreverse. Que crear estaba ao alcance de todos. Aquí tamén traía, desde ben pequeno, ao seu fillo Artai. Entre libros, ilustracións e escenarios improvisados medrou. Este lugar forma parte da nosa historia, da súa infancia, da nosa vida».
Joana deixou claro que «poñer o seu nome a esta biblioteca non é só unha homenaxe. É tamén unha maneira de dicir que segue aquí: en cada páxina que se abra, en cada neno ou nena que descubra unha historia por primeira vez, en cada ilustración que esperte unha pregunta».
No acto tamén interviron MJ, que leu un discurso redactado por Tati, de produción, ausente polo coidado do seu fillo, na que desvelou unha anécdota relacionada cos nomes dos seus respectivos vástagos: «Charli era, ademais, o meu amigo do Salón co que compartía un gusto exquisito para elección dos nomes dos fillos. Por ese motivo, por estar hoxe co meu Artai, non podo estar hoxe co seu Artai, nin con Joana, nin cos seus amigos, sexan os de toda a vida ou os do Salón pero non quería deixar a ocasión de poder darlle as grazas, no meu nome e non de todas as persoas que facemos posible o Salón do Libro».
En nome dos monitores do Salón, Pablo expresou a capacidade de Taboada para «lograr que os demais descubran o que son quen de facer. Charli ensinaba que cunhas poucas liñas podes crear un mundo. Hoxe ese mundo queda nas persoas ás que inspirou. Ese mundo queda en todas nós».
E como non podía ser doutra maneira, entre anécdotas e sentidas mostras de cariño, Kike Mauricio, o seu compañeiro en Polo Correo do Vento, foi o encargado de pechar esta homenaxe rememorando que «sempre remarcaba a sorte que tiñamos de ter un evento así na nosa cidade, que nós damos por sentado porque leva moitos anos, pero noutras cidades non existe. Mirade se era importante o Salón para Charli que a súa foto de WhatsApp é aquí, lendo con Artai, baixo a frase ‘Aquí lese!’. Estaría moi feliz vendo este espazo, co nome do seu libro A biblioteca de Pedrarcana».
Ao tempo que Antón Ke interpretaba a canción que compuxo para o seu amigo e compañeiro, «A cidade xa non é tan xogable de si. Os seus muros botan bágoas cheas de cores. E que o conto xa non ten un final feliz, fáltalle a arte e a maxia que tiñas ti», Orbil entregoulle a Joana unha fotografía e a parella do cadro que adorna a biblioteca, ambos pintados ao vivo polo propio Carlos Taboada na clausura do Salón 2016 Canta bichería!.