Taboada despide a Daniel Rigueira, o avogado que repartía bondade

Bea Abelairas
Bea abelairas REDACCIÓN

TABOADA

Daniel Rigueira, en el mitin de la presentación de su candidatura a la alcaldía de Taboada en marzo del 2011
Daniel Rigueira, no mitin da presentación da súa candidatura á alcaldía de Taboada en marzo do 2011 ROI FERNÁNDEZ

Este xoves celébrase un funeral no seu Vilameñe natal ás cinco da tarde

17 dic 2025 . Actualizado á 17:27 h.

Conta unha boa enfermeira que todas as persoas que morren en paz teñen algo en común: non se aforraron abrazos e nin tampouco se deixaron «te quieros» nos petos. E José Daniel Rigueira Ferreiro era unha delas. Fíxoo desde sempre, repartía bondade, sorrisos e tiña unha gargallada sonora, moi contaxiosa. Sae nas imaxes dos bos recordos, das alegrías de case todos os que tivemos o privilexio de coñecerlle. Habería ou non lazos de sangue, porque para Daniel a lealdade era unha cuestión inquebrantable. Por iso unía aos seus amigos, polo menos unha vez ao mes, para un faladoiro tras un polbo e cimentou os encontros na casa familiar, coa súa muller Carlota, a súa irmá Berta e os seus adorados sobriños. 

«A familia e os amigos é o que realmente importa na vida, iso si é triunfar», díxome unha das últimas veces que falamos. E Daniel converteuse nun magnate ricísimo nesa escala de valores, na que só foi engadindo beneficiarios, porque ata os seus compañeiros dunha profesión tan individualista como a avogacía senten na alma que se teñan que despedir dun letrado que só tiña 63 anos. Todos o apreciaban cun cariño especial e senten conmoción só de pensar que xa non o terán preto, solícito como o bo colega que era.

Daniel contribuía a que os bos momentos fosen aínda máis divertidos coas súas bromas, coa súa fina ironía, pero nunca faltaba cando había que pasar un mal grolo e sempre se rebelou contra as inxustizas. Sábeno moitas persoas ás que axudou en silencio e de forma desinteresada. Sería un xuíz exemplar, pero foi mellor: o noso Dani. Precisamente por iso, no 2011 deu un paso ao encabezar unha lista electoral en Taboada para cambiar un pouco as cousas tras décadas coa mesma paisaxe política. Fíxoo, como non podía ser doutro xeito, cos seus amigos e aliados de sempre: Rosa, Roi... Non cabía nin un alfinete no auditorio o día que se presentou a súa candidatura. Outra vez, todo sorrisos. E grazas a Daniel algo se moveu en Taboada, porque Roi, o seu número tres, é hoxe o alcalde. Por iso e por centos de razóns máis os veciños despedirano no funeral que se celebrará este xoves, día 18, ás cinco da tarde, na igrexa parroquial da súa Vilameñe natal. Ata ese momento pódese acompañar á súa familia na funeraria Leandro de Taboada.

Daniel, somos moitísimos os que te imos a estrañar e aos que nos doe infinito que o destino non estivese á altura da dozura que merecías. Ata sempre, sempre, sempre.