O primeiro miradoiro xeolóxico galego cumpre vinte anos

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

QUIROGA

O Concello de Quiroga rematou de construír no 2004 esta estrutura que permite contemplar o gran plegamiento de Campodola, un dos principais puntos de interese do geoparque Montañas do Courel

14 mares 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Fai agora vinte anos, o Concello de Quiroga completou as obras de construción do primeiro miradoiro xeolóxico de Galicia, situado fronte ao gran plegamiento de Campodola-Leixazós, unha iniciativa que supuxo un importante precedente para o geoparque Montañas do Courel. A estrutura levantouse á altura do quilómetro 9,5 da estrada LU-651, que une Quiroga e Folgoso do Courel. «Baralláronse varios puntos para construír o miradoiro, pero finalmente considerouse que ese lugar era o máis axeitado para ver a charnela, o punto máximo de pregamento do sinclinal», lembra Ramón Vila, director do museo xeolóxico municipal de Quiroga.

O proxecto de construción deste miradoiro databa de varios anos atrás. O 8 de setembro do 2001 —nunha información publicada neste diario—, o entón alcalde Quiroga, Julio Álvarez, expresou a súa intención de solicitar unha axuda do plan Leader Plus para levar a cabo a iniciativa. O rexedor sinalou a este respecto que o presidente da Xunta —por entón Manuel Fraga— contactara co Concello para animalo a construír un miradoiro despois de ler unha reportaxe de La Voz no que o paleontólogo e xeólogo Juan Carlos Gutiérrez-Marco propuña esta iniciativa.

O científico apunta que o lugar elixido para construír o miradoiro é o máis adecuado para observar a parte máis espectacular do sinclinal. «Nese punto é onde nos detiñamos os xeólogos para tomar fotografías, porque ademais de estar fronte á charnela era case o único lugar da estrada onde había un pouco de espazo para aparcar os coches», explica.

Inicios no 2003

A iniciativa tardou algún tempo en realizarse. As obras empezaron no 2003 e foron visitadas por Manuel Fraga durante un percorrido oficial pola comarca. A principios do 2004 a estrutura xa estaba acabada. O Concello de Quiroga realizou outras obras de mellora para acondicionar unha área de estacionamento por mor de que o plegamiento fose declarado monumento natural pola Xunta, o que se fixo efectivo en abril do 2012.

Na actualidade, o miradoiro de Campodola é un dos principais puntos de interese do geoparque Montañas do Courel, que foi declarado como tal pola Unesco en abril do 2019. «No xeoparque sempre explicamos aos visitantes que o que se pode ver desde o miradoiro é só unha parte dunha estrutura moi grande que se pode observar tamén desde outros lugares —di Ramón Vila—, pero moitos dos centros educativos que veñen visitar o museo xeolóxico piden expresamente que os levemos a ver o miradoiro de Campodola».

Unha singular paraxe estudada desde a década de 1960

Segundo apunta Juan Carlos Gutiérrez-Marco, un dos primeiros investigadores que se interesaron polos plegamientos da serra do Courel foi o enxeñeiro de minas Primitivo Hernández Sampelayo, falecido en 1959. «Pero andou máis pola zona do Incio e non chegou a estudar o pliegue de Campodola», precisa o científico.

Na década de 1960 apareceron os primeiros estudos sobre esta formación, publicados polo xeólogo alemán Wynfrith Riemer e o francés Philippe Matte. Máis adiante, entre 1985 e 1992, o xeólogo José Ramón Martínez Catalán realizou varios estudos que abarcan esta estrutura, á que atribuíu unha antigüidade de ao redor de 324 millóns de anos. Foi o primeiro investigador que propuxo unha data de orixe para o pliegue. Posteriormente, un estudo desenvolvido por científicos da Universidade de Oviedo determinou que a estrutura se formou entre fai 324 e 305 millóns de anos. «O pliegue xa está ben estudado e non se pode sacar máis partido del desde o punto de vista científico, pero aínda ten moito que dar desde o punto de vista do turismo e a divulgación», di Gutiérrez-Marco.

O miradoiro construído fai vinte anos para facilitar a observación desta paraxe foi seguido no 2011 pola apertura do museo municipal de xeoloxía e paleontoloxía de Quiroga. Foron dous pasos fundamentais de cara á creación do geoparque Montañas do Courel, ao que se agregaron despois outras infraestruturas. «Pero o primeiro de todo foi miradoiro de Campodola, que hoxe segue sendo o punto cero do xeoparque», apunta Ramón Vila.

«Este proxecto foi o primeiro xerme do geoparque Montañas do Courel»

Natural de Rábade, o paleontólogo e xeólogo Juan Carlos Gutiérrez -Marco empezou a estudar o pliegue de Campodola-Leixazós en 1982. 

—Por que se interesou polo pliegue?

—O que me interesaba non era a estrutura xeolóxica en si mesma, senón as rocas que a conforman, a cuarcita armoricana e a lousa de Luarca, porque conteñen fósiles do Paleozoico, que é o que eu estudo. Pero a nivel paisaxístico e geoturístico é un elemento incuestionable.

—En que medida é singular esta formación?

—Na península ibérica é algo único, non hai outra das súas características. Nos Alpes suízos hai algúns plegamientos aínda máis espectaculares, pero están en lugares inaccesibles e só se poden ver desde un avión ou un helicóptero e non desde un miradoiro, como ocorre neste caso. En outubro encargareime de organizar unha visita ao geoparque dentro dunhas xornadas da Sociedade Española de Paleontoloxía que se celebrarán na Coruña e un dos lugares visitaremos será sin duda o miradoiro.

—Que consecuencias tivo a construción do miradoiro?

—Creo o que máis importante que ocorreu nestes vinte anos é a creación dun geoparque que está a funcionar moi ben. Pero se non fose por ese primeiro xerme que supuxeron o plegamiento e o miradoiro hoxe non habería un geoparque.