
Presentado o programa da 36 edición, que arrincará este domingo
26 jun 2025 . Actualizado á 19:47 h.A igrexa de San Miguel de Eiré foi escenario este mércores da presentación do programa das Xornadas da Rota do Románico de Pantón, que chegan este ano á súa edición número 36. No acto participaron o alcalde José Luis Álvarez; a concelleira de Cultura, Cristina Domínguez, e a profesora Flora Enríquez, coordinadora das xornadas. O programa de actividades empezará o vindeiro domingo e prolongarase ata o 30 de agosto.
Na súa intervención, o alcalde agradeceu a «dedicación» de Flora Enríquez na organización das xornadas, «que axudan a coñecer e dinamizar o noso patrimonio e a nosa cultura». Así mesmo, sinalou que o programa de actos editado polo Concello está ilustrado cunha imaxe dos capiteis interiores da igrexa do mosteiro de Ferreira.
Os responsables municipais sinalan que as conferencias e concertos ofreceranse no salón de actos da Casa de Cultura, o mosteiro de Ferreira e a igrexa románica de Santo Estevo de Atán. Os dúas últimas actividades do programa consistirán en actuacións musicais que formarán tamén parte do sétimo Fest Clásico Ribeira Sacra. A continuación especifícanse as actividades previstas para esta edición:
29 de xuño. As xornadas empezarán cun concerto do grupo Peitoescuro —formado por Rubén Gutiérrez, veciño de Quiroga, e María Rojo, natural de Pantón—, que se ofrecerá a partir das 19.00 horas no xardín do mosteiro de Ferreira.
4 de xullo. Ás 20.00 horas presentarase na Casa de Cultura a reedición do libro Cantigas e cantos de Pantón, de Manuel María. No acto participarán Alberte Ansede Estraviz, presidente da Fundación Manuel María e José Manuel Ledo López, exalcalde de Pantón. Haberá ademais unha actuación dun grupo de música tradicional.
11 de xullo. O politólogo e xenealoxista Sergio Martínez Cotos ofrecerá unha conferencia sobre «Don Cruz Puente Ordax: veterano de Cuba e alcalde de Pantón». O acto celebrarase a las20.00 horas na Casa de Cultura.
18 de xullo. No mesmo lugar e co mesmo horario presentarase a sétima edición do Fest Clásico Ribeira Sacra. O acto correrá a cargo de Luz Barriga, representante da asociación organizadora. Ao mesmo tempo será inaugurada a exposición de pintura «Ribeira Sacra cultural», cunha intervención do pintor Modesto Trigo, responsable da casa museo Genia Trigo, situada en Gundivós, en Sober.
26 de xullo. A igrexa do mosteiro de Ferreira acollerá ás 19.30 horas un concerto da intérprete de oboe Iria Folgado, acompañada dun cuarteto de corda.
30 de agosto. Na igrexa de Santo Estevo de Atán ofrecerse ás 19.30 horas un concerto a cargo dun sexteto de corda.