Reinaldo Pereira, xestor cultural e produtor: «Monforte ten condicións para chegar a ser un nodo audiovisual»

O SAVIÑAO

Pereira presentará este sábado no Parador de San Vicente un proxecto enfocado neste sector
27 jun 2025 . Actualizado á 16:15 h.O xestor cultural e produtor audiovisual Reinaldo Pereira Pérez (Barcelona, 1974), con raíces familiares no Saviñao, participou como responsable de contidos e codirector na organización do festival cinematográfico Fancine de Lemos, do que ata o de agora se celebraron once edicións en Monforte. Mañá presentará no Parador de San Vicente do Pino un proxecto denominado «Entre lusco e fusco» dentro do encontro nacional de emprendedores creativos que se celebra esta fin de semana por iniciativa da asociación España Creativa e a Rede de Cidades e Territorios Creativos de España.
—En que consiste este proxecto?
—A idea é organizar en Monforte un festival de xéneros de fantasía, aproveitando a experiencia do Fancine de Lemos, pero indo moito máis alá. Non sería só un festival de cine, senón que se abriría tamén a outros campos, como a literatura e a música. E non só se trata de organizar un festival, senón de facer outras cousas, como crear unha comisión de cine, é dicir, unha organización que promova as producións audiovisuais na Ribeira Sacra, buscando e ofrecendo localizacións para rodaxes. E quizá tamén se podería crear unha escola audiovisual.
—Monforte é un lugar apropiado para unha iniciativa deste tipo?
—Si, porque está a pouca distancia de cidades como Lugo e Ourense, e conta cunha importante infraestrutura de servizos e moitas prazas hoteleiras. Un inconveniente que hai é a falta dun auditorio en condicións, pero iso pódese solucionar con recursos que se utilizaron noutros lugares, como no festival de cine de Sitges, no que traballei, ou o de Udine, en Italia. Por exemplo, pódese crear un auditorio móbil con balas de palla na praza da Compaña ou instalar unha carpa como se fai en Sitges.
—Cun festival deste tipo, que pasaría co Fancine de Lemos?
—O Fancine de Lemos seguiría existindo e se amoldaría a este proxecto. Continuaría funcionando como ata o de agora e as actividades do festival seguirían sendo gratuítas. Non nos imos a enfrontar a algo desde cero, porque o Fancine xa ten unha traxectoria importante e habería que aproveitala.
—Ve viable unha escola audiovisual neste territorio?
—A min paréceme que si, porque Monforte xa ten unha tradición audiovisual. É unha rara avis nese sentido, porque xa non hai moitas poboacións deste tamaño que conserven unha sala de cine. Ten tamén un festival cinematográfico que pode animar á xente mozo a dedicarse profesionalmente a este sector. Temos como exemplo o caso de Anabel Vélez [actual directora do Fancine de Lemos], que veu á terceira edición e iso animouna a estudar cine, aínda que tivo que facelo na Coruña. O ideal é que outras persoas mozas anímense tamén con este festival e que se deciden dedicarse profesionalmente ao mundo audiovisual poidan adquirir aquí esa formación.
—Cre que este pode ser un recurso importante para Monforte e a Ribeira Sacra?
—Ata o de agora este territorio viviu de recursos como o viño ou o ferrocarril, pero sería necesario crear algo novo e iso pode ser o sector audiovisual. Se tivésemos unha comisión de cine creada a partir do festival poderíase desenvolver unha industria, atraendo a novos socios e creando sinerxías entre eles, para que este sector chegue un recurso económico e unha fonte de emprego. Monforte ten condicións para ser un nodo audiovisual e agardo que algún día chegue a selo.