Invisten 400.000 euros na rexeneración forestal dunhas 86 hectáreas no Incio e Samos

O INCIO

A actuación realízase nunha área incendiada no 2017
13 ene 2022 . Actualizado á 19:12 h.A Xunta investirá algo máis de 400.000 euros nunhas obras de restauración forestal dos terreos que foron afectados por un importante incendio nos municipios do Incio e Samos en abril do 2017. A actuación levará a cabo nunha área de 85,98 hectáreas e o prazo de execución é de doce meses.
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, supervisou onte o inicio dos traballos xunto co alcalde do Incio, Héctor Corujo, e a xefa territorial de Medio Rural, Olga Iglesias. A intervención desenvolverase principalmente no monte comunal da parroquia de Trascastro, no Incio, pero tamén se traballará nos montes de San Pedro, Coto Redondo e A Ferrería —no mesmo municipio— e Coto Redondo, en Samos.
Novas masas forestais
Segundo indican desde a Xunta, o proxecto comprende por unha banda a plantación de cincuenta hectáreas de masa forestal, das que unhas trinta serán de piñeiro do país ou rodeno (Pinus pinaster) e piñeiro vermello (Pinus sylvestris). Nas vinte hectáreas restantes plantaranse bidueiros. Doutra banda, crearanse máis de trinta hectáreas de pasteiro que terán tamén a función de servir de devasa.
Así mesmo, o proxecto inclúe a construción de dous puntos de recollida de auga para os helicópteros dos servizos contraincendios —un no Incio e outro en Samos—, a mellora de doce quilómetros de vías forestais, a apertura dun novo tramo de pista de seiscentos metros de lonxitude e a creación de catro hectáreas de faixas de xestión de biomasa.
Os terreos nos que levará a cabo esta actuación están actualmente baixo a xestión da Xunta a través de convenios coas comunidades de montes locais. A intervención é cofinanciada cunha axuda do Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural e, segundo indicou Javier Arias, con ela preténdese «recuperar o potencial forestal e a corrección dos desequilibrios hidrolóxicos ocasionados na cabeceira dos arroios».
O incendio do 2017 afectou a unha superficie de 52 hectáreas, segundo as estimacións efectuadas no seu momento pola Consellería do Medio Rural. O alcalde do Incio apunta que as áreas afectadas polo lume fóronse cubrindo desde entón de vexetación, pero esta se acha formada na súa maioría de monte baixo. «Agora trátase de repoboar esas zonas con masas forestais e ao mesmo tempo impedir que volvan producirse incendios», agrega o rexedor.
A parroquia de Trascastro, na que levará a cabo a maior parte da actuación, está ademais incluída no programa de «aldeas modelo» da Xunta, dentro do cal se efectuaron varias operacións de roza.