Arranca en Monforte a Mostra de Cinema Portugués da Ribeira Sacra

MONFORTE DE LEMOS

Unha imaxe do filme  Kora , de Cláudia Varejão, que forma parte da mostra de cinema Vendaval
Unha imaxe do filme Kora , de Cláudia Varejão, que forma parte dá mostra de cinema Vendaval CEDIDA

O pase de outono da segunda edición do festival Vendaval desenvolverase ata o domingo en catro municipios

20 nov 2025 . Actualizado á 16:48 h.

O pase de outono da segunda edición de Vendaval-Mostra de Cinema Portugués da Ribeira Sacra, comezará este xoves en Monforte e continuará ata o día 23 en catro municipios. O festival, que tivo primeiramente un pase de verán o pasado agosto, celébrase este ano co lema «Tan cerca, tan lonxe» e, segundo explican os organizadores, comprende «filmes dos últimos quince anos que exploran as distancias en viaxes de grandes e pequenos traxectos».

A mostra é promovida pola asociación A Memoria é Náufraga —que xestiona en Bóveda o centro cultural A Casa da Memoria— en colaboración co Ministerio de Cultura e a Axencia Galega das Industrias Culturais a través do programa «Territorio e Cultura». A iniciativa, indican os responsables, pretende mostrar «o seu compromiso cara o cine de autor e seu impulso das sinerxías entre Galicia e Portugal centrando o cartaz en co-producións entre ambos territorios» e tamén «acadar a participación e presenza de grupos de idade e sociais diversos». Por esta razón, engaden, o pase de outono desenvolverase en «espazos culturais de nova creación no territorio ou en residencias para persoas con diversidade funcional, entre outros».

A continuación detállanse as actividades previstas no programa:

  • 20 de novembro. No restaurante Trespés de Monforte proxectarase ás 20.30 horas a curtametraxe de animación Percebes, de Alexandra Ramires e Laura Gonçalves, que segue o ciclo completo deste crustáceo na costa do Algarve. Abonando 18 euros por persoa, os asistentes poderán participar nunha «degustación atlántica» de tres viños e tres petiscos. Para asistir hai que efectuar unha inscrición previa no teléfono 661 434 336.
  • 21 de novembro. Na residencia Neuramentalia de Bóveda haberá unha proxección da curtametraxe The Voyager, de João González. Esta actividade diríxese aos residentes do centro e comprenderá un obradoiro de musicoterapia impartido por Patricia Castro.
  • 22 de novembro. No centro éRibeira Project de Monforte proxectarase ás 11.00 horas a curtametraxe Viagem a Cabo Verde, de José Miguel Ribeiro. Seguidamente os artistas locais DoaOa e Maz dirixirán un obradoiro grupal de expresión lúdica e narrativa mediante o debuxo.
  • 23 de novembro. O edificio sociocultural de Pantón acollerá a partir das 18.00 horas unha proxección do filme Ariel, do realizador galego Lois Patiño. Os organizadores sinalan que será «un mes antes da súa inclusión en carteleiras». Por outro lado, na Casa de Cultura da Pobra do Brollón proxectaranse ás 20.00 horas as curtametraxes O homem de Trás-os-Montes, de Miguel Morais Cabral; Longe da Amazónia, de Francisco Carvalho; Kora, de Cláudia Varejão e Anjo, de Miguel Nunes.