
Desde fai un par de semanas anúnciase que se vai a instalar en Monforte un centro de acollida aos menores non acompañados que están a ser repartidos por todas as comunidades autónomas cal partida macabra de cartas.
Desde fai ese mesmo par de semanas en Monforte escóitanse comentarios tanto a favor como en contra sobre este asunto. Case sempre son comentarios con pouco argumento e demasiada paixón. Tanta paixón que vimos actos ofensivos contra o edificio que vai albergar o centro antes de que se poña en funcionamento, fraco favor que só orixina máis gasto e perder a pouca razón que puidesen ter os atacantes, se é que tiñan ningunha.
Basta con darse un paseo pola rúa Cardenal ou a praza da Compaña para comprobar que non serían os primeiros estranxeiros en chegar ás terras de Lemos nin moitísimo menos. Traballo nun centro educativo de Monforte e xa hai alumnos de 22 nacionalidades diferentes. Que hai problemas de integración? Claro, como non os vai a haber, xestiónanse de mellor ou peor xeito pero…
Que pasaría se no canto de ver problemas por todos os lados vemos oportunidades. 80 habitantes máis que poden integrarse, que estarán nun centro que creará postos de traballo, que poden desenvolverse, emprender en Monforte ou acabar metendo goles no Lemos e ter un futuro máis prometedor que do lugar do que escapan. Por non falar da variable demográfica, coas estatísticas de natalidade de Galicia non temos opción, a nosa única solución está na inmigración, e aínda así o temos complicado. Recentemente anunciouse que este curso escolar comezou con 1.000 alumnos menos. E non é novidade, se non fose por esta inmigración hai varios centros educativos de Galicia, por non dicir moitos, que estarían pechados hai tempo.
Así que dar unha oportunidade, aínda que só sexa por compensarlles un pouco a viaxe infernal que acaban de facer. E teñamos un pouco de paciencia, que non todo ten que ser un desastre obrigatoriamente. Veremos que pasa…