O PP critica as expectativas excesivas sobre o centro de ciberseguridade

La Voz MONFORTE / LA VOZ

MONFORTE DE LEMOS

Protesta de personal de LogiRail en Monforte hace unas semanas
Protesta de persoal de LogiRail en Monforte hai unhas semanas CEDIDA

Katy Varela lembra que este ano debería ter 40 traballadores e en cambio só son 10

07 ago 2025 . Actualizado á 18:51 h.

Representantes do Partido Popular reuníronse esta semana en Monforte con traballadores de LogiRail, a empresa que Renfe subcontrata para servizos como os centros de competencias dixitais. O persoal desta empresa leva meses mobilizándose para mellorar as súas condicións laborais. O PP acusa o alcalde de Monforte de crear expectativas esaxeradas con respecto ao centro de competencias dixitais aberto por Renfe no 2023 en Monforte, que está especializado en ciberseguridade.

Tras a reunión co persoal de LogiRail, o deputado no Congreso Francisco Conde e as deputadas autonómicas Katy Varela e Raquel Arias reprocharon ao alcalde monfortino, José Tomé, que no seu momento anunciase que o centro de ciberseguridade ferroviaria de Monforte acabaría creando 100 postos de traballo directos e que o seu persoal estaría formada por 40 traballadores no 2025. «En realidade só hai dez traballadores, e cobrando menos e en condicións máis precarias que os traballadores de Renfe realizando tarefas similares».

Katy Varela, que ademais é portavoz municipal do PP, lembrou ademais que o alcalde non quixo apoiar a moción que presentaron no último pleno municipal en defensa das reivindicacións de melloras laborais para os traballadores do centro de ciberseguridade de Monforte e para o resto do persoal de LogiRail.