30 may 2025 . Actualizado á 14:06 h.

Leo con tristeza en La Voz que as autoridades se expoñen clausurar o Anchoas. Ao parecer, o pequeno chiringuito, que despacha, entre outras cousas, refrescos e cervexa de barril na ribeira do Cabe desde o ano no que mataron a Kennedy, non ten licenza. Vaia. Agardo que non se lles ocorra buscar no rexistro a licenza de apertura do convento das Clarisas ou da Torre da Homenaxe.

Poucos lugares compartiron as inquietudes de xente tan distinta ao mesmo tempo. Xente guapa e xente fea, mozos e maiores, locais e forasteiros. Sempre en harmonía, sempre co obxectivo común de respirar un pouco de paz cando a calor aperta xunto ao preguiceiro discorrer do río. En todos estes anos no Anchoas seláronse acordos, conxuráronse amores, fortalecido amizades, florecido ideas, perdoado afrontas… Por algunha razón, o pequeno quiosco (ou a brisa do río) neutralizaba o peor de nós e devolvíanos á idea do mundo como un lugar feliz.

Poderíase dicir aquilo de que non es de Monforte se nunca te tomaches alí un porrón de cervexa cunhas olivas. Eu tomeime uns cantos e gárdoos todos con gran cariño na miña memoria. Se o Anchoas está en tempada, nunca volvo a Monforte sen determe alí. Así que o lamento polos que xa nunca poderán gozar dese pracer e lanzo desde aquí, a quen asine a orde de derriba, a miña mais sincera inimizade, por non dicir outra cousa.

Hai que respectar os símbolos. Aínda que para respectalos hai que coñecelos. Non me cabe na cabeza que esa orde infame a firme un monfortino porque, e isto é indiscutible, Monforte non será mellor sen o Anchoas. Ao contrario.