Unha avaría dificultaba a reserva telefónica nos catamaráns

Carlos Cortés
Carlos Cortés MONFORTE

MONFORTE DE LEMOS

ROI FERNÁNDEZ

A Deputación dá por resolto o problema coa substitución dos terminais antigos por uns novos

18 abr 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Durante as dúas primeiras semanas de funcionamento das rutas fluviais do Sil e o Miño o servizo de reservas por teléfono sufriu problemas que lle restaron operatividade. Esta fin de semana, por exemplo, ningún dos clientes que intentaron reservar billetes ou pedir información por esta vía conseguiu facelo. Na Deputación aseguran que o problema xa está solucionado.

Os barcos turísticos que cobren as rutas do canón do Sil e do encoro dos Peares empezaron a navegar o 24 de marzo, no arranque da Semana Santa. En menos dun mes, o teléfono de reservas funcionou mal ou estivo directamente fóra de servizo aproximadamente unha semana.

Na Deputación confirmaron onte a existencia de dificultades técnicas co teléfono, aínda que as limitaron a esta última fin de semana. Fuentes do organismo provincial aseguran ademais que acaban de cambiar os terminais telefónicos antigos por uns novos e dan por restablecida esta vía para conseguir información sobre os catamaráns e para reservar praza neles.

Os portavoces da Deputación aseguraron onte ademais que a empresa Hemisferios, a elixida para xestionar as rutas este ano, xa presentou a documentación que faltaba e presta xa o servizo con normalidade. Ata agora o facía de forma provisional, despois de imporse no concurso á outra empresa que aspiraba ao contrato.