
A súa autora é unha estudante de ESO do instituto Lama da Quendas
11 jun 2025 . Actualizado a las 17:37 h.O Folión de Carros de Chantada xa ten imaxe para a súa edición do 2025, que se celebrará o 23 de agosto. A autora é Victoria García Fernández, alumna de 4º da ESO do instituto Lama das Quendas. A súa proposta foi elixida entre máis dunha ducia de propostas presentadas ao concurso que organiza todos os anos a asociación de Amigos do Folión, a encargada de organizar este desfile de carros do país que se celebra todos os anos a noite do sábado das festas de agosto de Chantada.
O deseño gañador do concurso de carteis deste ano é unha intervención en cor sobre unha fotografía antiga do Folión de Carros de Chantada, mesturando tradición e arte novo. A obra non só aparecerá no cartel oficial, senón que formará parte dunha exposición en Chantada xunto co resto dos traballos presentados polos estudantes.
Como cada ano, esperase unha grande participación na festa, que combina patrimonio, música e folclore nunha das celebracións máis singulares da Ribeira Sacra.
O desfile percorrerá as rúa do centro de Chantada a partir das once e media da noite. O xurado valorará a proposta de cada grupo ao seu paso pola gradas que serán instaladas na praza de Galicia.
O Folión de Carros é sempre unha das actividades máis agardadas das que se programan dentro das festas do Carme de Chantada. As festas celébranse a cuarta fin de semana do mes de agosto, entre o sábado e o martes.
A presentación, no instituto
O acto de presentación celebrouse este mércores nas instalacións do instituto Lama das Quendas e contou coa presenza da xefa do servizo de Coordinación Cultural da Xunta en Lugo, Águeda Valín, da responsable de Cultura da Deputación, Iria Castro, do concelleiro Diego Otero, de representantes da asociación de Amigos do Folión de Carros, profesores e alumnos deste centro.
Iria Castro destacou a importancia de implicar á mocidade na conservación das festas tradicionais e valorou o labor da asociación organizadora. Pola súa banda, Águeda Valín explicou que o Folión «é unha oportunidade para que as novas xeracións coñezan as súas raíces nun ambiente de festa e comunidade».
Esta edición do Folión de Carros conta co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a colaboración do Concello de Chantada e da Xunta.