O festival Polas Bravas de Chantada promove tres novos grupos musicais

Francisco Albo
Francisco Albo CHANTADA / LA VOZ

CHANTADA

Primeira actuación do grupo musical Bandidas na segunda edición do festival Polas Bravas, no 2024
Primeira actuación do grupo musical Bandidas na segunda edición do festival Polas Bravas, no 2024 ALBA MIRÁS

A terceira edición das xornadas celebrarase entre os próximos días 30 e 31

24 may 2025 . Actualizado a las 19:45 h.

Entre os próximos días 30 e 31 celebrarase en Chantada a terceira edición do festival feminista Polas Bravas, organizado pola asociación Polamiúda, que comprenderá diversas actuacións musicais e teatrais. Entre elas estarán as de tres formacións creadas expresamente para este festival. Dúas delas —o Coro de Mulleres Bravas e o grupo Bandidas— déronse a coñecer na anterior edición.

A primeira destas formacións, integrada por mulleres de todas as idades, contou inicialmente con cerca de sesenta participantes dirixidas por María Montenegro, que forma parte de varias corais. «O coro medrou desde entón e agora conta cunhas oitenta mulleres», sinalan desde a asociación organizadora. O grupo Bandidas, por outra parte, está formado por quince integrantes da Banda de Música de Chantada. «A súa primeira actuación, no festival do ano pasado, foi moi emocionante, e agora volverán actuar», engaden. A terceira formación, que se presentará por primeira vez, é un coro infantil formado por alumnos dos centros educativos locais e dirixido por Marcos Fernández —director da escola de música A Academia— dentro dun programa denominado «Cantando na escola».

Todas as actividades previstas para estas xornadas serán gratuítas e desenvolveranse en diferentes puntos da localidade. A asociación organizadora conta co apoio do Concello de Chantada, a Deputación e varias empresas locais. A continuación detállanse as actividades da nova edición:

Día 30

21.30 horas. Na rúa Leonardo Rodríguez actuará o dúo de regueifeiras Erre que Erre, formado por Nuria Pena e Lorena Medela.

 22.30 horas. No mesmo lugar ofrecerase un espectáculo do grupo Impro-Conas, integrado polas actrices Paula Pier, Carlota Rosón Rojo e Antía Costas.

 23.30 horas. A última actuación da xornada correrá a cargo da franco-camerunesa DJ Eva Chloé. 

Día 31

11.15 horas. No parque Eloísa Rivadulla actuará o coro infantil dirixido por Marcos Fernández.

11.130 horas. A compañía Sempre Arriba ofrecerá neste mesmo lugar un espectáculo de circo ao aire libre e acrobacia chamado C'est pas possible.

 12.30 horas. A seguinte actividade consistirá nunha sesión de poesía e música a cargo de Diana Kurich e Inés Mirás que se ofrecerá tamén no parque.

 13.30 horas. O grupo Lambe Lambe, formado por catro cantareiras de Vilalba, actuará neste mesmo espazo en compañía do Coro de Mulleres Bravas.

 18.30 horas. A actriz Isabel Risco representará no auditorio municipal a obra Bravas, unha peza de «teatro cómico e comprometido», segundo explican as organizadoras. Mentres dure a actuación haberá un servizo de animación e coidados para nenos.

 20.30 horas. O grupo de vento madeira Bandidas actuará no parque Eloísa Rivadulla.

 21.15 horas. Neste mesmo lugar ofrecerase un concerto de Rager, unha banda de rapazas de 17 anos formada dentro do proxecto Xeración Sónica, promovido polo Concello de Pontevedra. A actuación diríxese principalmente a xoves de 13 a 17 anos.

 22.00 horas. A esta hora comezará no parque unha actuación do grupo de opo Pava, formada pola poeta e compositora coruñesa Lucía Aldao e os músicos Analís Guillín, Pablo Silva e David Santos. A formación foi galardoada no 2023 co segundo premio Narf e no 2024 recibiu o premio Martín Códax na categoría de pop e indie.

23.15 horas. No mesmo espazo actuará o dúo ferrolán Bratzantifa, formado por Lucía Amado e Marina González, que xa participou na primeira edición.

 00.00 horas. A última actuación correrá a cargo de Kris K DJ.