A Túa Xanela sortea un día de festa e verbena entre os concellos galegos

Carlos Cortés
Carlos Cortés MONFORTE / LA VOZ

CHANTADA

Representantes da empresa, da orquesta e das institucións que participaron na presentación do festival
Representantes da empresa, da orquesta e das institucións que participaron na presentación do festival CEDIDA

O XanelaFest rematará cunha actuación da orquestra Cinema

21 may 2025 . Actualizado a las 19:40 h.

A empresa A Túa Xanela presentou este martes na súa sede de Chantada o XanelaFest, una iniciativa coa que esta compañía ofrece unha noite gratis de verbena para un dos concellos que decidan concursar para lograla. A verbena ten data e orquestra pechados. Será o 17 de outubro e a encargada de poñer a música será a orquestra Cinema. Na presentación participou o director da empresa, Iñaki Castiñeira, integrantes desa orquestra e alcaldes da comarca e doutros puntos da provincia de Lugo e representantes da Xunta e do recido empresarial de Chantada.

O concurso está dirixido a todos os concellos galegos con menos de 40.000 habitantes. O XanelaFest non se limitará ao concerto da orquestra Cinema, senón que pretende ser algo así como un pequeno festival cultural.

A organización planea combinar a verbena en si cunha serie de actividades complementarias destinadas a dar a coñecer os atractivos do territorio gañador. Entre elas figurarán postos de produtos típicos da zona e visitas guiadas polos lugares máis emblemáticos do concello anfitrión.

A presentación do festival congregou aos alcaldes de Chantada, Carballedo, O Saviñao, Taboada, O Incio, Palas de Rei e Guntín, así como a un concelleiro de Antas de Ulla. A delegada territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración na provincia de Lugo, Carmen José López, tamén estivo presente no acto, xunto con representantes da Casa da Música de Chantada e da asociación de empresarios local.

O proceso de participación no concurso está xa en marcha. Xanela enviou esta semana correos electrónicos a todos os concellos galegos que cumpren os requisitos de poboación. Aqueles interesados en participar poderán solicitar o formulario de inscrición ou ben escribir directamente ao enderezo electrónico concurso@xanelafest.es. Todos os concellos participantes serán promocionados a través das redes sociais e da web de A Túa Xanela.

O gañador sairá das votacións que se desenvolverán entre o 1 de xullo e o 31 de agosto de 2025 a través da web oficial do festival. Unha vez finalizada esta fase, o concello gañador disporá de quince días para seleccionar a localidade exacta onde se desenvolverá a actuación musical.

Iñaki Castiñeira: «Queremos ir máis aló dun simple concurso ou premio»

«Con esta iniciativa queremos ir máis aló dun simple concurso ou premio», explicou Iñaki Castiñeira durante a presentación. «O XanelaFest nace co obxectivo de converterse nunha verdadeira festa do rural galego, unha ocasión perfecta para combinar cultura, promoción territorial e participación cidadá». A iniciativa aspira a converterse nun referente na dinamización das zonas rurais de Galicia a través da cultura e a música.

Toda a información actualizada sobre o concurso, así como as bases completas de participación, están dispoñibles no sitio web oficial www.xanelafest.es.

A empresa organizadora

A Túa Xanela é unha empresa comercializadora de internet de alta capacidade e telefonía que ten a súa sede en Chantada. Naceu en decembro do 2020, conseguiu os seus primeiros clientes a principios do 2021 e superou por primeira vez o millón de euros de facturación anual xa ao ano seguinte, no 2022. A compañía pechou o 2024 con 13.000 clientes, 36.000 servizos activos e unha facturación de 4,1 millóns de euros. Recentemente anunciou a sinatura dun acordo co grupo Telefónica que lle vai permitir ofrecer os seus servizos en todo o territorio galego.