Elisabet Novoa, física e divulgadora: «O sur lucense é un lugar excelente para observar o eclipse solar»

Francisco Albo
Francisco Albo CHANTADA / LA VOZ

CARBALLEDO

Elisabet Novoa considera o eclipse como unha boa oportunidade para facer divulgación das ciencias
Elisabet Novoa considera ou eclipse como unha boa oportunidade para facer divulgación dás ciencias M.F.C.

Novoa dirixirá en Carballedo o 12 de agosto unha actividade de observación do fenómeno astronómico

12 feb 2026 . Actualizado á 05:00 h.

O próximo 12 de agosto, Elisabet María Novoa González (Os Peares, 1979) encargarase de guiar no municipio de Carballedo unha actividade pública de observación do eclipse solar que organizará o Concello nesa data. Profesora do departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo, actualmente imparte clases na Escola de Enxeñaría Forestal e na Facultade de Ciencias da Educación, e tamén desenvolve diversas actividades como divulgadora científica.

—Canto tempo está previsto que dure o eclipse?

—O proceso completo durará arredor dunha hora e media e comezará sobre as sete e media da tarde. Iso corresponde ao tempo que pasará desde que a Lúa inicie o seu tránsito diante do Sol ata que termine completamente de pasar. O momento principal, cando a Lúa oculte o disco solar, durará uns minutiños, dependendo do lugar desde onde se observe.

—Haberá moita diferenza entre uns lugares e outros dentro do territorio de Galicia ou da provincia de Lugo?

—Cando o disco da Lúa e do Sol coincidan, verase unha especie de fío ou coroa circular ao redor do disco lunar. A Lúa ocultará o Sol nun 99% ou nun 97%, en función do lugar en que esteamos dentro da zona de sombra do eclipse. Esa diferenza poderase apreciar observando cun telescopio, pero mirando a simple vista —coa debida protección, claro— non imos notala. É dicir, tanto se estamos en Lugo como se estamos en Monforte, en Ferreira de Pantón ou en Carballedo, por exemplo, non vai haber unha diferenza apreciable, porque a porcentaxe de ocultación do disco solar vai ser moi elevada en todos os casos.

—Entón non fará falta desprazarse a outros lugares para ver mellor o fenómeno?

—Non, se estamos dentro da zona de sombra non será necesario moverse. O sur da provincia de Lugo é un lugar excelente para observar o eclipse e non haberá que desprazarse a outras zonas para velo mellor.

—Na actividade de observación de Carballedo vanse utilizar telescopios?

—En principio podería ser posible utilizar un telescopio cedido por Tecnópole [Parque Tecnolóxico de Galicia], unha entidade coa que colaboro. Pero como seguramente vai haber moita xente non habería tempo suficiente para que o utilizasen todos, así que pensamos que é mellor realizar a observación sen este aparello. Cunhas boas gafas protectoras, que son indispensables, e unha explicación para entender ben o que estaremos vendo será suficiente.

—Que precaucións deben tomar os que queiran ver o eclipse a través dun pequeno telescopio?

—Hai que sinalar que non se debe observar directamente o eclipse a través dun telescopio, porque iso pode queimar a retina, igual que cando se mira o Sol a simple vista sen ningunha protección. O telescopio debe estar provisto dun filtro protector adecuado. Tamén pode utilizarse o telescopio como proxector para ver o eclipse de forma indirecta sobre unha superficie, como a dun papel.

—Que importancia ten este acontecemento desde o punto de vista histórico?

—Imos ser uns privilexiados nese sentido, porque unha parte grande do territorio desta comunidade está entre os lugares onde poderá verse o eclipse total, o que só vai ser posible nalgunhas áreas do mundo. É un fenómeno que vai tardar moito tempo en repetirse aquí. Desde agora ata o 2028 vai haber outros tres eclipses de Sol, pero en Galicia non poderemos velos. Hai que pensar tamén que no Paleolítico e na Antigüidade moita xente volvíase tola cando ocorría un eclipse porque non sabía a que se debía este fenómeno. Hoxe si que o sabemos e podemos explicalo. Paréceme moi ben toda esta difusión que se lle está dando porque vai ser unha ocasión moi boa para facer divulgación científica.

—En que outras actividades divulgativas participa?

—Colaboro con Ceo Aberto, a empresa de divulgación de David Ballesteros, e tamén participo en actividades de formación para profesores. Ademais son profesora nas aulas Tecnópole, que levan proxectos a feiras e festivais científicos como Galiciencia ou CinVigo, entre outras.