A meta clara

Luis Conde MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

PEPA LOSADA

O regreso de Alberto López ao banco e á dirección deportiva do Club Lemos representa unha aposta ambiciosa e en certa medida para intentar consumar o ansiado ascenso a Terceira Federación.

Tras o amargo desenlace do último «play-off» ante o Portonovo, a xunta directiva non vacilou en recuperar a un vello coñecido da Pinguela. A súa designación chega nun momento de urxencia institucional que esixe experiencia contrastada no fútbol provincial.

Alberto López asume de forma simultánea o cargo de adestrador e o de director deportivo, é dicir, con mando en praza —terá poderes absolutos na parcela deportiva—. Esta concentración de poder axilizará en certo xeito a toma de decisións. A confección do novo persoal dependerá exclusivamente do seu criterio técnico.

É a segunda etapa do preparador lucense no club lemista. O seu paso polo club na campaña 2021-2022 elimina calquera necesidade de adaptación, o que favorece ao club monfortino. O técnico coñece as dinámicas internas e a esixencia da afección de Monforte. E tamén sabe que terá que afinar ben no mercado, xa que o presuposto teoricamente, será menor que o da tempada pasada.

Nada máis tomar o mando do Lemos, Alberto López manifestou o seu desexo de competir no grupo primeiro da Preferente Futgal. Deste xeito, o preparador lucense asume a presión desde o primeiro día. Non oculta a dificultade do grupo, pero fixa o listón no máis alto. Chega con ambición.

As segundas etapas no fútbol adoitan cargar coas comparacións da primeira experiencia. O listón previo obrigará a Alberto López a ofrecer resultados positivos de xeito inmediato para manter a confianza da bancada. O club vén de rozar o ascenso con Marquitos. Todo o que non sexa igualar ou superar esa meta interpretarase como un paso atrás, incrementando a presión sobre o seu dobre rol na entidade.

A chegada de López dota ao Lemos dunha estrutura deportiva xerarquizada e cun rumbo claro. Se a directiva lle concede paciencia e as lesións respectan o proxecto, o equipo conta coas ferramentas necesarias para pelexar polo ascenso.