O xogador monfotino afirma que loitrán por ascender de categoría
20 may 2026 . Actualizado a las 18:11 h.Pablo Losada, porteiro do Lemos, disputará con 25 anos a súa terceira promoción de ascenso co equipo monfortino. A súa achega esta tempada, na que con 28 tantos, se converteu no gardamallas menos goleado do grupo segundo da Preferente, foi determinante para que o conxunto que adestra Marquitos se clasificara para disputar esta fase de ascenso á Terceira. O futbolista considera que o Lemos é un dos conxuntos máis fortes e con máis opcións de voltar a unha categoría na que non compite dende fai 18 anos.
—Obxectivo cumprindo, non si?
—Así é. Pero temos unha sensación agridoce, porque coido que puidemos gañar o campionato e ascender directamente, porque había equipo para facelo. A tempada foi cruel para nós.
—Por que?
—Polas sancións e lesións que tivemos, sobre todo despois de Nadal, momento ao que chegamos na segunda praza. O principio de campaña non contabamos con poder competir polo liderato, pero a medida que foron pasando as xornadas, démonos conta de que podiamos facelo. Pero, como dixen, viñeron as lesións e as sancións penalizáronnos. Estivemos sete partidos sen gañar. Non fomos regulares.
—E tamén desperdiciaron a posibilidade de rematar terceiros, verdade?
—Si. O domingo no partido ante o Pontevedra tivemos esa oportunidade, pero non fixemos os deberes. Hai que recoñecelo e ser autocríticos.
—E iso traduciuse na perda da posibilidade de xogar o partido de volta da primeira eliminatoria da fase de ascenso na casa.
—Está claro que deixamos escapar esa posibilidade. E se ben hai compañeiros que prefiren disputar a volta como visitantes, eu aí discrepo, porque decidir a clasificación ou o ascenso na Pinguela é un plus, e máis, tendo en conta que ata o domingo contra o Pontevedra levabamos 14 meses sen perder como locais.
—Como valora o feito de ter que xogar contra o Negreira a primeira eliminatoria da promoción?
—Será unha eliminatoria bonita. O Negreira ten un plantillón, sobre todo de mediocampo cara adiante. Foi líder durante toda a primeira volta. Estamos falando dun señor equipo, pero seguro que eles tampouco estarán contentos de que lles tocase o Lemos. Nós temos a mellor plantilla dos derradeiros 15 anos. Non podemos esquecer que contamos co mellor dianteiro da Preferente, e iso é un plus.
—Como están as posibilidades da eliminatoria?
—Nós vimos de abaixo para arriba e eles ao revés. Pero coido que está ao 50% para os dous, tendo en conta que o Negreira disputa a volta no seu campo.
—Con que resultado irían tranquilos a Negreira?
—En fútbol nunca vas tranquilo, porque nun partido pode pasar calquera cousa. Pero na Pinguela temos que gañar e deixar a portería a cero, porque iso sería media eliminatoria. Non é o mesmo afrontar a volta cun triunfo que ter que ir remontar.
—Onde estarán as claves para pasar a eliminatoria?
—En ser competitivos e ter a veteranía e a tranquilidade para afrontar unha eliminatoria que se xoga a 180 minutos ou máis. Temos que aproveitar as súas debilidades defensivas.
—A falta de semana e media para que arranque a eliminatoria, que sensacións teñen?
—As sensacións son boas. Estamos ilusionados e somos optimistas. Temos moi interiorizado cal é a nosa meta dende o pasado mes de xullo, e levabamos dende ese momento esperando pola fase de ascenso. Somos unha das mellores plantillas desta promoción, pero é certo que en fútbol pode pasar de todo.
—Estamos falando co mellor porteiro da Preferente. Xa lle toca xogar en Terceira, non si?
—A min e ao resto dos compañeiros. O Lemos ten que estar na Terceira Federación. Hai un bo bloque para competir nesa categoría, que necesitaría catro ou cinco futbolistas de primeiro nivel a maiores. A miña ilusión é ascender e xogar co Lemos na Terceira. Aquí estou moi a gusto.
—Vostede segue mandando moito no Lemos?
—[Esboza un sorriso] Aprendín a manexar esas situacións. Antes cando vía algo que non me gustaba alzaba a voz. Agora coa veteranía que teño xa actúo de maneira diferente
—Que lle di á afección?
—Que enchan a Pinguela e que nos acompañen a Negreira. Pídolle ao Concello que frete dous autobuses para ese partido de volta do 7 de xuño. Merecemos que o pobo estea a tope con nós.