Representantes do Goberno galego reúnense con técnicos deste organismo
27 nov 2025 . Actualizado á 05:00 h.Unha delegación formada por representantes da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e do Ministerio de Cultura mantivo en París unha reunión cun comité de expertos da Unesco a fin de ampliar e aclarar diversas aspectos relacionados coa candidatura da Ribeira Sacra a patrimonio da humanidade. Desde o primeiro destes organismos sinalan que a Xunta ten de prazo ata o próximo 27 de febreiro para ampliar e matizar diferentes aspectos do expediente que presentou con este obxectivo en xaneiro deste ano.
O director xeral director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes —coordinador da comitiva, coa que se desprazou á capital francesa—, sinalou tras o encontro que «as sensacións seguen a ser moi boas e fan confiar na consecución desta distinción en 2026». Explicou así mesmo que nesta reunión incidiuse de novo nos «atributos especiais e únicos» da Ribeira Sacra e aclaráronse cuestións de todos os informes recompilados dentro desta iniciativa que «serán ampliadas e matizadas pormenorizadamente na documentación definitiva da candidatura que se vai entregar antes do 27 de febreiro de 2026».
A candidatura da Ribeira Sacra, apuntou ademais Miramontes, representa unha paisaxe construída co uso da auga «dun xeito novidoso que non está presente aínda de xeito suficiente na Lista de Patrimonio Mundial». Esta singularidade, engadiu «puido ser comprobada in situ polo observador de Icomos [Consello Internacional de Monumentos e Sitios, organismo asesor da Unesco] enviado ao territorio e cuxo expediente complementou o que entregamos a principios da candidatura».
«Pasos craves»
Doutra banda, o director xeral de Patrimonio Cultural afirmou que todos os pasos que é preciso dar na actualidade son «claves» para a decisión que tome a Unesco no segundo semestre do ano próximo, cando se decidirá se se acepta ou non a candidatura da Ribeira Sacra. «O camiño que nos queda é crucial e precisamos da colaboración e do empurre de todos», comentou. A este respecto, Ángel Miramontes expresou o seu agradecemento polo apoio recibido «en todo momento» tanto por parte do Ministerio de Cultura como «da comunidade, veciñanza, axentes locais e institucións dos 26 concellos de Lugo e Ourense que integran a candidatura».
Así mesmo, o responsable de Patrimonio da Xunta resaltou o «esforzo e traballo sen descanso» que se realiza desde o Goberno galego para reforzar a candidatura. Neste sentido, Ángel Miramontes lembrou que a administración autonómica destinou durante os últimos anos preto de oito millóns de euros á conservación e acondicionamento de máis de corenta bienes patrimoniais repartidos nos municipios da Ribeira Sacra, tanto no territorio lucense como no ourensán. Durante este período, agregou, executáronse máis de noventa actuacións de carácter arquitectónico e arqueolóxico en «igrexas, mosteiros, museos, castros ou xacementos romanos, entre outros».