O noveno foro Territorios Patrimonio reunirá entre os días 28 e 29 a diversos expertos e representantes institucionais no Parador de San Vicente
19 oct 2025 . Actualizado á 10:28 h.Os organizadores da novena edición do foro Territorios Patrimonio, que se celebrará entre os próximos días 28 e 29 no Parador de Monforte, deron a coñecer a programación das xornadas e abriron o prazo de inscrición. O obxectivo da iniciativa —sinalan— é reforzar «o compromiso da Ribeira Sacra coa súa candidatura a patrimonio mundial da Unesco».
A primeira xornada comezará cunha mesa redonda sobre «Un territorio de patrimonios. Novas miradas e novos axentes», no que participarán Ángel Miramontes Carballada, director xeral de Patrimonio Cultural, e Alexandra Seara, xerente do consorcio turístico da Ribeira Sacra. O moderador será Mario Crecente, coordinador da candidatura.
Seguidamente presentarase unha actualización sobre o estado actual da candidatura, a cargo de Mario Crecente e o arquitecto Manuel María Chaín Pérez, técnico da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Despois comezará un coloquio sobre «Paisaxes vivas, paisaxes da auga. Modelos de xestión de patrimonio da humanidade», no que tomarán parte Rubén Camino Lois, catedrático da USC, e Francisco Javier Sánchez, responsable de xardíns e bosques do padroado granadino da Alhambra e o Generalife, coa moderación de Manuel Gago, director do Consello da Cultura Galega.
Pola tarde, Alexandra Seara moderará unha mesa redonda sobre «Comunidades vivas, patrimonio vivo. Paisaxes inmateriais» na que intervirán María José Yravedra Soriano —das adegas Ronsel do Sil—, Mercedes Vázquez —da asociación Amigos de Manuel Jorge de Chantada—, Juan Luis Méndez Rojo —responsable das adegas Vía Romana— e José Antonio Quiroga, director do Ecomuseo de Arxeriz.
A xornada pecharase cun debate sobre «Estratexias turísticas para o desenvolvemento dun territorio» que reunirá a Xosé Manuel Merelles, director de Turismo de Galicia, e Ricardo Manuel Fernández da Cruz, da dirección de Turismo do Concello de Málaga.
A segunda xornada estará dedicada a un percorrido guiado por espazos emblemáticos da Ribeira Sacra. O foro Territorios Patrimonio é organizado pola promotora i-radia Crea e o festival 17° Ribeira Sacra, co patrocinio da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. A inscrición é gratuíta, pero as persoas interesadas en asistir a estas xornadas deberán rexistrarse na páxina web foroterritoriospatrimonio.com.